+034 986 09 02 04 Sábado 29 de Febreiro de 2020

Mos contabiliza 14 alegacións á modificación do PXOM cando falta unha semana para que remate o prazo


Desde o Concello considérase que “estamos no momento de escoitar o que alega a veciñanza e recibir os informes sectoriais solicitados” e lembran que “mentres non sexan todos os informes favorables non se dará o seguinte paso”
O prazo de alegacións á modificación nº1 do PXOM de Mos abriuse o pasado 29 de novembro de 2019 e, a falla de sete días para que remate dito prazo (finaliza o 28 de xaneiro), presentouse a cifra de 14 alegacións, na súa maioría de particulares. Por outra banda tamén presentaron as súas alegacións asociacións como Verdegaia (un total de 2), Ecoloxistas en Acción (2 tamén) e 1 da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA). Tamén presentou o seu documento de alegacións á modificación puntual do Plan Xeral mosense, o grupo municipal GañaMos. (Cómpre destacar que ningunha das tres asociacións que presentou alegacións ata o de agora é de Mos, todas son de fóra do municipio e alleas ao mesmo).
Sen contar estas últimas 6 alegacións presentadas por colectivos, tan só se presentaron ata a data de hoxe, 8 alegacións de particulares; e entre estes particulares que alegaron ata o de agora, algúns presentaron varias alegacións ao seu nome.
Excepto algunha máis específica, a maioría das alegacións son moi xenéricas, pouco concretas e sen respaldo técnico.
De momento non hai alegacións técnicas de consideración e as existentes aluden de forma xeral á clasificación do solo rústico forestal e aos recursos da zona falando de auga, paisaxe, patrimonio cultural e mobilidade; aludindo tamén á posible contaminación acústica e impacto ambiental.
Desde o Concello de Mos a alcaldesa, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, Alberto Méndez, como representante deste departamento municipal, declaran que “estamos no momento de escoitar o que alega a veciñanza e recibir os informes sectoriais solicitados” e lembran que “mentres non sexan todos os informes favorables non se dará o seguinte paso”.
A rexedora local mosense insiste que “nos atopamos no momento que eu tanto tempo levaba avanzando, atopámonos no tempo de que todo o mundo poida falar e sexa escoitado”.
Por último, Arévalo e Méndez, animan aos veciños e veciñas interesados en alegar a que o fagan. Xa que ven tamén nas alegacións un aspecto positivo, posto que “mediante as mesmas pódense aportar ideas, solucións e/ou alternativas para mellorar o documento; e consideran que toda contribución para mellorar é benvida”.

Deja un comentario