+034 986 09 02 04 Domingo 21 de Outubro de 2018

Cores Tourís visitou o concello de a Illa para manter un primeiro encontro institucional co novo alcalde da localidade


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizou con Carlos Iglesias temas relativos a sanidade e turismo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de A Illa dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou ao novo rexedor de A Illa, Carlos Iglesias, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Entre os temas que se analizaron atopáronse cuestións como a reforma do centro de saúde do municipio. Neste senso, Cores Tourís recordoulle ao alcalde que o proxecto de reforma destas instalacións xa foi redactado pola Deputación de Pontevedra e que agora as obras serán orzamentadas pola Consellería de Sanidade.

Tamén se estudaron cuestións turísticas que afectan o municipio, como o interese do mesmo por solicitar a catalogación como municipio de Interese Turístico, para o que faría falta unha serie de condicións como un número concreto de habitacións para pernoctacións, entre outras esixencias.

Finalmente, José Manuel Cores Tourís tamén analizou co alcalde a situación da obra do Regueiro que foi paralizada por Portos. Ao remate da reunión, Carlos Iglesias recibiu a nova de que dende o ente autonómico se lle ía dar permiso para continuar cos traballos de rehabilitación do muro de contención. Cores Tourís destacou a boa nova recordando que se trata dunha obra necesaria porque permitirá garantir a seguridade nese entorno.

O delegado territorial tamén aproveitou o encontro para recordarlle ao novo alcalde de A Illa a importancia de que, nos próximos meses, se siga a colaborar entre institucións de cara a poñer en marcha novos proxectos e obras nesta localidade. “Nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”, explicou Cores Tourís.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

En relación ao concello de A Illa, o delegado territorial recordou que a administración autonómica levou a cabo importantes obras de infraestrutura neste municipio, como as do novo acceso ao Porto do Xufre, no que se investiron 3 millóns de euros ou a reparación da ponte sobre a ría por 14 millóns, “este proxecto tamén incluíu a adecuación da rotonda da Illa e os accesos á ponte para o carril bici e a súa conexión cos viais peonís e para ciclistas”.

A licitación da explotación da depuradora deste concello, a realización dun plan de saneamento local da marxe esquerda da ría, o saneamento da rúa do Campo das Rubas, as melloras executadas en Punta Carreirón ou a mellora de varios camiños rurais son outros dos investimentos realizados pola administración autonómica en A Illa, “ao que hai que engadir a execución por máis dun millón de euros do dique flotante para o abrigo do porto do Xufre e os 220.000 euros destinados a melloras nos centros educativos da vila”, rematou Cores Tourís.

Deja un comentario