+034 986 09 02 04 Martes 25 de Febreiro de 2020

O Concello arranca o Entroido 2020 cos obradoiros de elaboración de disfraces e carrozas en seis parroquias


O programa contará coa tradicional festa de disfraces de Cerdedo o domingo 23 e co Domingo de Piñata en Carballedo o día 8 de marzo

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten practicamente pechado o seu programa de actividades para o Entroido 2020, que arrancará esta fin de semana cos obradoiros de elaboración de disfraces e de carrozas en seis parroquias e cuxo obxectivo é favorecer as relación veciñais e fomentar a participación de grupos de veciños do municipio no Domingo de Piñata co que se pecharán estas festas.

Os obradoiros, gratuítos e orientados a públicos de todas as idades, arrancarán este sábado, 25 de xaneiro, e terán lugar semanalmente nas parroquias de Almofrei (19.00-21.00 horas), Borela (19.00-21.00 horas), Carballedo (16.30-18.30 horas), Caroi (16.30-18.30 horas), Viascón (11.30-
13.30 horas) e Valongo (11.30-13.30 horas).

Tras esta actividade previa, as festas propiamente ditas comezarán o domingo 16 de febreiro coa undécima edición da Festa do Petote, que servirá para degustar o típico cocid o de Entroido acompañado polo bolo de millo típico de Cotobade. A falla de pechar algúns detalles, manterase o exitoso formato de rúa do pasado ano con posterior degustación nos restaurantes.

Xa o domingo seguinte, 23 de febreiro, celebrarase a tradicional Festa de Entroido no pavillón municipal de Cerdedo con inchables, xogos, obradoiros e música. Coma sempre, a entrada será libre, aínda que se recomenda que os participantes acudan disfrazados para crear ambiente de Entroido.

Finalmente, o programa de actividades pecharase, como é habitual, co Domingo de Piñata, que nesta ocasión adíase unha semana e terá lugar o domingo 8 de marzo no pavillón de Carballedo co seu formato habitual de pasarrúas de disfraces, grupos e carrozas acompañados por actividades complementarias para os cativos e animación musical e de lecer.

Deja un comentario