+034 986 09 02 04 Venres 28 de Febreiro de 2020

A banda longa desprégase en Mos nun prazo máximo dun ano


Ademais das zonas que xa dispoñen do servizo, no actual 2020 haberá xa moitos núcleos mosenses que poidan beneficiarse da fibra óptica, posto que comezou xa a instalación das caixas de fibra

O concelleiro de Novas Tecnoloxías mosense, Leo Costas, anunciou hoxe que o Concello de Mos atópase incluído na extensión de redes de banda larga de acceso ultrarrápido promovida pola Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado.

Grazas ao devandito programa autonómico-estatal compañías como R ou Movistar serán beneficiarias de subvencións pola rápida implantación de internet de fibra con data tope 2021. O plan de R ten unha implantación de 2018-2020 e o de Movistar 2019-2021.

A data de hoxe as zonas de Mos que dispoñen de fibra óptica en funcionamento son San Antoíño en Louredo, parte da parroquia de Petelos, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga. Nestas zonas atópanse prestando servizo de internet de banda larga a través de fibra tanto R como Movistar (Telefónica de España, S.A.).

Costas informou de que “ao longo do presente ano 2020 no municipio mosense vaise xa notar moitísimo esta implantación e as compañías de telecomunicacións van comezar a ofrecer fibra óptica nos núcleos rurais da localidade”.

O edil de Novas Tecnoloxías explicou así mesmo que “aínda que nunha zona se atope actuando xa unha compañía, isto non implica que non poida realizar instalación de fibra (previa solicitude de permiso) outra compañía diferente”. Leo Costas comunicou ademais que “desde o Concello estase a traballar cos operadores de telefonía, comunicacións e internet para acelerar o máximo posible o procedemento de instalación e implantación do servizo”; para o que a vindeira semana o propio Costas manterá reunións na Coruña nas sedes centrais das compañías.

A obra da instalación da fibra en Mos executarase nun prazo máximo dun ano. Moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas ao longo e ancho do termo municipal, por exemplo estes días vense de colocar unha preto do Campo de Fútbol de Cototorrón. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda larga.

A Xunta de Galicia, co Plan de Banda larga 2020, e a Administración Xeral do Estado, co Programa Extensión da Banda Larga de Nova Xeración, están a promover de xeito complementario despregamentos de redes ultrarrápidas de acceso a internet no territorio galego.

Entre 2018 e 2021 a empresa Telefónica de España, S.A. E R Cable como beneficiarias dunha subvención da Xunta de Galicia de 14,2 millóns de Euros, cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), despregará redes ultrarrápidas en núcleos de toda Galicia, que posibilitarán servizos de acceso a Internet de de mais de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica.

No Concello de Mos beneficiaranse os seguintes núcleos: San Pedro de Cela, Santa María de Dornelas, Santa María de Guizán, San Salvador de Louredo, Santa Eulalia de Mos, San Miguel de Pereiras, San Mamede de Petelos, Santa María de Sanguiñeda, San Martín de Tameiga e San Mamede de Torroso.

A última das convocatorias do Estado, publicada en Abril de 2018, conta cunha dotación de 18,5 millóns de euros para Galicia, coa que os operadores poderán continuar incrementando a velocidade de acceso a internet en zonas nas que non hai servizo de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer del.

Deja un comentario