+034 986 09 02 04 Martes 18 de Febreiro de 2020

Pazos de Borbén finaliza os traballos de reforma e recuperación da antiga escola unitaria de Nespereira


O centro recupera a actividade en todas as súas aulas e conta cunha clase de psicomotricidade, aseos reformados e diversas melloras en climatización
Tras varios anos nos que as clases tiñan lugar na coñecida como “casa do Mestre”, os alumnos da escola infantil da Galeriña, en Pazos de Borbén, gozan a partir desta semana da mesma escola na que aprenderon e xogaron moitos dos seus pais e avós, a antiga escola unitaria de Nespereira.
O retorno ás antigas aulas prodúcese por petición dos propios pais dos alumnos, que solicitaron estudar a posibilidade de volver dar as clases no antigo centro onde estudaron moitos deles. Tras varias reunións entre o profesorado e o alcalde estudando a viabilidade do proxecto decidiuse arrincar cunha reforma que, dado o estado da edificación, necesitou un longo proceso de restauración con diferentes fases, restaurando primeira a aula principal e terminando a mellora no resto do centro durante as últimas semanas.
A reforma comezou garantindo as condicións de habitabilidade da aula principal, retirando todos os vellos aveños, revisando os elementos de climatización, a instalación dun novo chan e diversos traballos de pintura e fontanería nos baños adaptados para os pequenos. Ademais, desde o profesorado investiuse parte do orzamento do centro para adquirir novos mobles de soporte e almacenaxe para adaptarse ás novas dimensións da aula, máis espazosa que a usada anteriormente.
Os últimos traballos levaron a cabo durante o pasado mes e centráronse na recuperación da aula secundaria, que agora se converterá nun espazo de psicomotricidade para que os pequenos poidan realizar todo tipo de actividades.
Para adaptar este novo espazo tivéronse que realizar varios traballos de #albañilería, fontanería e electricidade ademais dos necesarios acondicionar por completa a aula, garantindo que cumpre con todas as medidas de seguridade e habitabilidade para os nenos.
Por último, a aula situada na antiga casa do mestre, e que ata o de agora daba servizo ao centro, converterase nunha sala especializada en traballos manuais para os proxectos artísticos dos pequenos.
A concelleira de educación, Branca Míguez, visitou os traballos en compañía do profesor titular do centro para asegurarse que todo estea preparado para o inicio do curso e explicou que esta actuación ten “unha dobre finalidade, porque melloramos moitísimo as condicións dun centro educativo fundamental nun dos barrios de maior poboación do municipio e á vez recuperamos un elemento entrañable para todos os veciños. Moitos veciños estudaron aquí de nenos e este lugar só nos trae bos recordos. Agora seguirá creando bos recordos nos veciños dos próximos anos”.

Deja un comentario