+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

A Deputación volve a sorprender en FITUR con #Sigueoteuinstinto unha aposta baseada na natureza, a sensibilidade e a vangarda de Rías Baixas


Carmela Silva rodeuse das actrices Celia Freijeiro e Jazmín Abuín e do xornalista Xabier Fortes como embaixador@s da proposta provincial que desbordou o stand de Galicia

 

A presidenta da Deputación coñeceu en directo no evento que “Fame de Experiencias” conseguía o premio ao mellor audiovisual de Fitur 2019 impoñéndose ás 50 candidaturas

“Fuxir do estrés, atopar a paz… a provincia de Pontevedra ten todos os ingredientes para deterse, mirar, reencontrarnos con nós mesmas e desfrutar doutra forma de facer turismo en harmonía coa natureza”. Deste xeito Carmela Silva iniciou o seu diálogo coa actriz pontevedresa Celia Freijeiro, tras visualizar en Fitur o espectacular vídeo “Sigue o teu instinto”, do que Freijeiro é a imaxe, e co que a Deputación de Pontevedra vai promover os atractivos naturais da provincia ao longo do 2020. No evento, que desbordou todas as expectativas de asistencia no stand de Galicia, tamén foron protagonistas a tamén actriz Jazmín Abuín e o xornalista e embaixador da provincia Xabier Fortes, que, mentres tomaban un té de camelia das Rías Baixas en pezas da ceramista Ana Tenorio, Premio Nacional de Artesanía, intercambiaron ideas nun espazo “mindfulness” sobre a paz que transmite a natureza, a sensibilidade e a vangarda das Rías Baixas. Tamén se deron cita na presentación alcaldes e alcaldesas de todas as comarcas da provincia de Pontevedra nunha presentación que ateigou o auditorio do stand de Turgalicia en IFEMA.

“Sigue o teu instinto”, asegurou Carmela Silva, fai fincapé en que “somos parte da natureza e que hai lugares, como a provincia de Pontevedra, que nos permiten recordalo e reencontrarnos con ela”. Deste xeito, a presidenta provincial destacou que “vivimos nun paraíso onde te podes deter, mirar, desfrutar e facelo cos ollas da xente que ama a natureza. Nós temos incribles paisaxes, tanto de costa como de interior, os bosques, fragas, sendas, pozas, rías, ríos, montes, viñedos a pe do mar ou praias. Rías Baixas é un lugar onde desfrutar o que somos, porque somos natureza”. Así, a presidenta animou a visitar a provincia de Pontevedra “porque non hai outro sitio para desfrutar dunha natureza marabillosa. Rías Baixas é a capital da natureza”.

As actrices Celia Freijeiro e Jazmín Abuín, así como o xornalista Xabier Fortes, destacaron a capacidade da provincia de Pontevedra para “desconectar, fuxir do estrés e conectar cun mesmo, coa esencia e a raíz” así como glosaron a beleza natural das Rías Baixas, onde “relaxarse, sentir e seguir o noso instinto”. Elas e el actuaron de embaixadoras e embaixador das Rías Baixas e deron paso a un audiovisual no que se recolle a moitas outras e outros embaixadores, deportistas, “que poñen de manifesto a importancia do contacto coa natureza, cuxa forza os fai chegar á elite”. Así, no vídeo proxectáronse imaxes de Desiré Vilas, Pablo Dapena, Rodrigo Conde, Susana Alonso e Roi, Uxía e Iria Huertas, reflexionando sobre a natureza desde paisaxes da provincia de Pontevedra.

A esencia da natureza das Rías Baixas espallouse por Fitur tamén a través dun agasallo único que forma parte dunha obra de arte efémera e colectiva. “En Rías Baixas –subliñou Carmela Silva-sempre se reciben regalos inesperados e este é moi especial, son bombas de biodiversidade con especies autóctonas e representativas da provincia de Pontevedra”. O agasallo, elaborado por unha empresa sustentable da provincia e cun packaging realizado polo centro Juan María, inclúe no seu interior herbas de San Xoán, perexil de mar e breixo. Ademais trátase dun regalo en edición limitada, con 500 unidades que forman parte dunha obra de arte elaborada polas ilustradoras Doa Oa e Elara Elvira que prepararon un mural-puzzle con 500 pezas, unha por cada unha das caixas-agasallo que se repartiron en FITUR. Deste xeito, cada caixa conta cun código QR no exterior que, ao escanealo, remite a unha parte dese mural formando, así, parte dunha obra de arte efémera colectiva.

Premio ao “Mellor audiovisual de promoción de produto turístico de España FITUR 2019”
A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer en directo, case no mesmo momento do fallo do xurado, que a campaña “Fame de experiencias” coa que a institución provincial promoveu a provincia durante o 2019, recibiu o premio ao “Mellor audiovisual de promoción de produto turístico de España FITUR 2020” da “Film & Video Competition by Landing-Madrid”. A Deputación competía con outros 50 destinos nomeados aos premios e resultou finalista xunto con Parma, de Italia. Finalmente, a “Film & Video Competition by Landing-Madrid” decidiu esta mesma mañá ás 12.00 horas que “Fame de experiencias” se alzase co galardón.

A presidenta Carmela Silva tamén expresou a súa ledicia polas dúas outras novas coñecidas nesta edición de Fitur, a declaración do Cocido de Lalín como Festa de Interese Turístico Internacional, o distintivo que recolleu o concello do Grove como mellor destino petfriendly de España e o que conseguiu o Cámping A Paisaxe do Grove, que conta co distintivo SICTED do plan de calidade da Deputación de Pontevedra, o galardón na modalidade de mellor cámping de España.

Este xoves ás 20.30 horas, na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles, a Deputación estará presente na Gala Q de Calidade para recoller as renovacións dos distintivos Q para a Oficina de Turismo Rías Baixas, o punto de información turística do Mosteiro de Armenteira, o punto de información turística do Aeroporto de Vigo, a oficina de Caldas de Reis, a de Cangas, a oficina de Turismo de Baiona e o punto de información turística da Illa de Arousa.

Ademais, a Deputación participará nas presentacións de destinos da provincia de Pontevedra, manterá reunións con turoperadores, empresas TIC aplicadas ao turismo, empresas de comunicación, co ICTE, co Instituto de Turismo Responsable así como coa organización do Congreso Europeo de Turismo Rural, e as técnicas de Turismo Rías Baixas acudirán a foros e obradoiros no marco de FITUR relacionados co big data, calidade, destinos turísticos intelixentes ou ODS.

Deja un comentario