+034 986 09 02 04 Xoves 14 de Novembro de 2019

Cores tourís visitou As Neves para manter un primeiro encontro institucional co novo alcalde da localidade


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra púxose a disposición de Xosé Manuel Rodríguez con quen departiu sobre temas como o saneamento, o alumeado público ou a ubicación da escola infantil

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello da As Neves dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O delegado territorial visitará así, a ritmo de dous concellos por día, as 18 novas corporacións que variaron de rexedor nas últimas eleccións municipais, dentro dos 48 concellos que dependen da Delegación Territorial de Pontevedra. Tal e como asegurou José Manuel Cores Tourís, “quero falar cos rexedores e rexedoras co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Durante esta visita, José Manuel Cores Tourís púxose a disposición de Xosé Manuel Rodríguez co obxectivo de seguir a executar os proxectos xa iniciados coa administración autonómica, así como con todo o que dependa da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra. Na reunión estivo tamén presente o tenente alcalde do municipio, Manuel Eduardo Mariño.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como mellora do saneamento e do alumeado público. O delegado territorial recordoulle aos novos representantes do Goberno local que se trata de competencias municipais, aínda que a Xunta está disposta a colaborar “nestes eidos como xa viña a facer no pasado, en coordinación con outras administracións como a Deputación de Pontevedra”.

O rexedor tamén trasladou a súa preocupación pola falta de persoal para a posta en marcha de servizos como a recollida do lixo ou a antigüidade da maquinaria municipal como o tractor de roza. Neste senso, Cores Tourís matizou que o concello debe seguir a solicitar a colaboración das administracións como a Deputación ou a Xunta para garantir estes servizos que, non obstante, seguen a ser competencia municipal.

Entre os temas que se analizaron atópase o interese do concello polo traslado das instalacións da Escola Infantil a outra ubicación. Aínda que o concello baralla varios edificios, aposta fundamentalmente polo colexio público, polo que quedou emprazado a enviar un dossier á Xefatura Territorial de Educación explicando a situación e solicitando a utilización dos espazos do centro.
O alcalde tamén trasladou a preocupación do concello pola situación dun poste de media tensión no aparcamento de autobuses do colexio. José Manuel Cores Tourís comprometeuse a dar traslado desta preocupación á Xefatura Territorial de Economía e Industria, aínda que matizou que o aparcamento atópase en terreo municipal, polo que Fenosa esixe ao concello que sexa él quen afronte o retranqueo do poste.

Pola súa banda, o delegado territorial recordou ao novo alcalde a colaboración da administración autonómica nas melloras dos centros educativos deste municipio nos que se investiu 153.000 euros nos últimos anos. Tamén destacou Cores Tourís a implicación da Xunta na dinamización do comercio de proximidade da localidade coa reforma das rúas Martínez Rodríguez e da praza Maior así como a reforma da praza de abastos á que se destinaron máis de 251.000 euros; mellorouse a eficiencia enerxética cambiándose máis de 168 puntos de luz, así como o soterramento da rede eléctrica nas rúas Gabino Bugallal e na praza de San Agustín.

No eido das infraestruturas, a administración autonómica urbanizou a circunvalación das Neves PO-400 cun investimento de 877.000 euros; mellorou a seguridade viaria na estrada PO-415 por un millón de euros; executou a rede de saneamento dos núcleos de Ribarteme, Sequeiros, As Neves, Tortoreos, Ponte Vide e Gándaras-Rubiós; executou melloras no paseo dos pescadores e en diferentes camiños rurais a través do Plan Marco.

“Un dos proxectos que actualmente está a ser obxecto de importantes accións por parte da Xunta de Galicia”, engadiu Cores Tourís, “é o desbloqueo da primeira fase da plataforma loxística Plisán, dotada con 13,5 millóns de euros. O obxectivo da administración autonómica é que se licite a segunda fase antes de que finalice setembro, correspondéndose así coas obras de construción da estación depuradora de augas residuais e de tratamento de auga potable”.

Deja un comentario