+034 986 09 02 04 Sábado 08 de Agosto de 2020

Benítez defende o valor social das infraestruturas e a recuperación do espazo público para garantir a calidade de vida da cidadanía


O deputado de Mobilidade participou no Porto no IX Encontro de Enxeñería Civil xunto ao director de Planeamento Estratéxico de Infraestruturas de Portugal

O nacionalista fala da necesidade de seguir “un ‘modelo humano’ máis que un ‘modelo urbano’” no deseño de espazos

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez participou hoxe en Porto na IX Reunión de Enxeñería Civil Galiza-Norte de Portugal para debater sobre as infraestruturas que precisa a cidadanía e a súa xestión. Subliñou o valor social das infraestruturas e a necesidade de recuperar o espazo público para garantir a calidade de vida da cidadanía seguindo fórmulas e solucións para poñer ás persoas como protagonistas “falando máis dun ‘modelo humano’ que dun ‘modelo urbano’”.

Benítez interviu na mesa principal das xornadas, despois da inauguración, xunto ao presidente da área metropolitana de Porto Eduardo Vitor Rodrigues, e o director de Planeamento Estratéxico de Infraestruturas de Portugal Mario Fernandes. Subliñou que a política da Deputación de Pontevedra en materia de mobilidade vén claramente determinada por un ámbito territorial cunha poboación moi dispersa e un continuo urbano onde a gran maioría son estradas con vocación de travesías ou rúas sobre as que se articula a vida e cotiá e, por tanto, un espazo público importantes na procura dun lugar de encontro e non só de paso.

O nacionalista defendeu que as administración deben garantir que a mobilidade das persoas se faga coa máxima calidade, nun espazo continuo de seguridade viaria, facendo fincapé na protección dos colectivos vulnerables, e co compromiso institucional da transparencia de resultados e uso de recursos na procura das mellores solucións. Tamén destacou a necesaria implicación do persoal técnico que debe deseñar os espazos.

En 2016 a Deputación de Pontevedra, explicou o deputado, presentou un Decálogo de Criterios para as novas actuacións en materia de mobilidade que culminou coa publicación en 2018, da ‘Guía de espazos públicos e mobilidade amable’. Nela recóllense as determinacións e condicións que debe cumprir o espazo público seguindo o criterio de dar prioridade ás persoas, co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida, de acordo coas demandas sociais, urbanísticas e ambientais, e co máximo respecto ao territorio e ao patrimonio construído, priorizando a protección dos colectivos máis vulnerables, peóns, ciclistas e persoas con diversidade funcional en todas as súas actuacións, cunha serie de recomendacións de deseño.

As distintas actuacións a executar –dixo- deben adaptarse á contorna co obxecto de diminuír a velocidade dos vehículos para crear espazos de coexistencia equitativa para todos os distintos tipos de mobilidade, con especial atención á protección dos colectivos máis vulnerables. Segundo dixo, estas actuacións xeran unha mellora, creando un beneficio social desde o punto de vista da seguridade, tanto dos usuarios de vehículos como dos viandantes, conseguindo unha diminución da sinistralidade “en defensa da accesibilidade universal, a seguridade viaria, o medio ambiente e o aforro enerxético”.

Así, explicou que actualmente estanse desenvolvendo desde a área de Mobilidade alternativa e espazos Públicos urbanos da Deputación de Pontevedra, unha serie de proxectos seguindo eses criterios. Insistiu en que o futuro das infraestruturas “pasa pola formación do persoal técnico implicado nelas, xa que é o que vai achegar as solucións coas necesidades actuais destas novas formulacións que poderiamos falar xa dun “modelo humano” máis que dun “modelo urbano”.

Ademais da mesa sobre o valor social das infraestruturas, na xornada organizada polos colexios de enxeñeiros galegos e portugueses tocáronse outras temáticas centradas nos aeroportos, nas estradas, nos portos, así como no ferrocarril. Entre outros mandatarios estivo presente o Secretario de Estado de Infraestrururas de Portugal Jorge Delgado, director da Axencia Galega de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Francisco Menéndez, o xefe do servizo de Proxectos e Obras da demarcación de Costas de Galicia Ricardo Babío, o director xeral de Mobilidade Ignacio Maestro Saavedra, así como outras personalidades universitarias e do ámbito privado.

Deja un comentario