+034 986 09 02 04 Martes 04 de Agosto de 2020

Carmela Silva clausura a IV Edición do Coworking de Barro marcada por unha ampla maioría de proxectos liderados por mulleres e iniciativas sostibles


“O futuro está na actividade económica e sobre todo nos seres humanos”, destacou a presidenta da Deputación que enxalzou a importancia do optimismo, da colaboración e de “crear e amar o que facemos” para impulsar iniciativas empresariais

Na xornada “DemoDay” expuxéronse os 19 proxectos do coworking e rematou coa actuación de Kevin Weatherill líder dos “Inmaculate Fools”

Con 11 proxectos de 19 liderados por mulleres e unha firme aposta pola sustentabilidade, a presidenta da Deputación vén de clausurar “moi orgullosa” a cuarta edición do coworking de Barro, impulsado pola institución provincial e a Escola de Organización Industrial. No acto, no que estiveron presentes o director de aceleración empresarial da EOI, Javier Benito, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, Carmela Silva destacou que “o futuro está na actividade económica e sobre todo nos seres humanos” ao tempo que enxalzou a importancia do optimismo, da colaboración e de “crer e amar o que facemos para sacar adiante os proxectos”.

Para a presidenta provincial “ver que de 19 proxectos, 11 son liderados por mulleres me satisfai moito. Unha sociedade intelixente non se pode permitir que máis da metade da poboación non poida ocupar todos os espazos e non poida poñer todo o seu talento para crear actividade económica”. Silva tamén amosou o seu orgullo por ver que os proxectos e iniciativas emprendedoras están estreitamente relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Económico e coa sustentabilidade. Ademais, a presidenta fixo fincapé na necesidade de ser optimistas xa que ”soamente a xente optimista é capaz de poñer en marcha proxectos e facer que triunfen”. Silva destacou tamén o papel da colaboración, asegurando que “no século XXI é imposible que trunfen ideas que non teñan no seu inicio o concepto de colaboración. O individualismo nunca serviu para nada e despois de tanto tempo de desenvolvemento humano van sendo horas de que no século XXI o saibamos e o levemos a cabo nas iniciativas empresariais”. Ao respecto, mencionou o “ambiente extraordinario” e “relación humana potente” que xurdiu entre as persoas que impulsaron “propostas espectaculares” na cuarta edición do coworking de Barro.

Pola súa banda o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, felicitou ás persoas participantes polo “voso bo traballo” e agradeceu o papel das persoas docentes, e a “calidade da formación”. Tamén asegurou que para as administracións “é un éxito ver que algunha persoa pode cumprir os seus soños”. Finalmente, o director de aceleración empresarial, Javier Benito, animou ás persoas participantes a por en marcha os proxectos. “É un momento que debedes aproveitar para lanzar as vosas ideas, asegurou ao tempo que destacou as iniciativas que se impulsaron en Barro, “que conectan coas emocións. Son proxectos que teñen que ver cos sentimentos, son traxectorias de vida onde todos e cada un de vós poñédelles entusiasmo e ilusión que é o que fan que as iniciativas vaian adiante”.

Este “DemoDay”, presentado por Mar Castro, empresaria lucense galardoada co Napolitan Victory Awards na categoría Mulleres Influíntes COMPOL 2019, pechou o cuarto coworking no que participaron 19 proxectos que ocuparon un espazo gratuíto no viveiro de empresas de Barro, onde recibiron acompañamento individualizado e formación específica para garantir o éxito dos seus proxectos. O acto, no que tamén actuou Kevin Weatherill, líder dos “Immaculate Fools”, xunto ao músico vilanovés Paco Charlín, serviu para escoitar ás persoas emprendedoras que deron a coñecer os seus proxectos vencellados, nesta cuarta edición do coworking, ás novas tecnoloxías, moda, cosmética, construción, gastronomía, márketing e comunicación, entre outras ramas.

As novas iniciativas empresariais presentáronse no “Demoday” estruturadas en catro bloques: “Creatividade e produtos sostibles”, “Servizos a PEMES”, “Proxectos tecnolóxicos” e “Conectando coas emocións”. No marco de “Creatividade e produtos sostibles” presentaron os seus proxectos Lara Viñuales, con “Par y escala”; María Mosteiro, con “Mosqui”; Cristina González e o seu “Misia Project”; Lucía Viana con “Más de campo que las amapolas”; Iago Radio con “Paporroibo”; Victoria Martínez e “Millo Corvo” e Miguel Ángel Abilleira coa iniciativa “Decove”. En canto a “Servizos a pemes” puídose escoitar a Oscar Prats dando a coñecer “Pontesat”; Mónica Martínez e o seu proxecto “Mochi Maceira”; Alberto Turégano con “Aisling Marketing”; Pablo Parada con “Omnia” e María José Sánchez con “Mjbolboreta”. No bloque “Proxectos tecnolóxicos” incluíronse a presentación de tres proxectos emprendedores: “Aran Feijoo” impulsado por Aran Feijoo, “Apparcamiento” creado por Raúl Cadenas e “Contratate” de Ángel Vidal. Finalmente no marco de “Conectando coas emocións” tiveron lugar as presentacións de “Concalore” de Hardiana Ordóñez e “The house of fools” de Virginia Gil de la Puente.

O peche da cuarta edición do coworking de Barro vén tamén marcado pola apertura do prazo para participar xa na quinta edición do programa. Así, a partir de mañá mércores, 29 de xaneiro, todas aquelas persoas emprendedoras da provincia interesadas en impulsar proxectos en fase temperá ou novas ideas empresariais poderán realizar xa as súas inscricións na nova edición do programa.

Deja un comentario