+034 986 09 02 04 Martes 20 de Outubro de 2020

O Pleno Municipal aproba a adhesion de Soutomaior ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxia


A adhesión implica asumir os obxectivos marcados pola UE para o cambio climático adoptando medidas para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2

A corporación municipal de Soutomaior aprobou esta mañá por unanimidade a moción presentada polo goberno local para a adhesión do consistorio ao Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha iniciativa da unión europea para frear os efectos do cambio climático reducindo a cantidade de emisións e o consumo enerxético.
Coa aprobación da corporación municipal o Concello de Soutomaior dá o último paso necesario para poder solicitar a adhesión a esta iniciativa. Unha vez asinado o convenio oficial, o goberno local dispoñerá de dous anos para realizar o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible. Unha folla de roteiro que establecerá os principais indicadores e os elementos necesarios para calcular o impacto actual dos servizos municipais no medio ambiente e establecerá as estratexias necesarias para alcanzar os obxectivos marcados pola Unión Europea, reducir polo menos o 27% do consumo enerxético e o 40% das emisións de dióxido de carbono.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, indicou que a solicitude formal á Oficina do Pacto de Alcaldes realizarase nos próximos días á vez que destacou a importancia deste tipo de iniciativas para afrontar o cambio climático xa que “axudan a construír unha sociedade máis sostible e respectuosa co medio ambiente. O cambio climático é un reto que nos inclúe a todos e que temos que afrontar xa”.
Moción pola sanidade en Soutomaior
Do mesmo xeito, o pleno municipal tamén aprobou por unanimidade a moción presentada polo Bloque Nacionalista Galego en defensa da sanidade pública en Soutomaior e solicitar melloras nas condicións dos centros sanitarios do municipio. Neste sentido, Reguera explicou o apoio do goberno local á moción presentada polos nacionalistas indicando que “Por moito que algúns digan o contrario, para esta corporación os intereses dos veciños sempre están por encima de interéselos partidistas. Temos un problema coa sanidade e #ante iso, non hai cores nin bandos”.

Deja un comentario