+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

O Concello muda 363 focos do alumeado público e reduce o seu consumo nun 60% en 16 lugares de Cerdedo


A última actuación chegou a sete aldeas, nas que se mudaron 133 luminarias antigas de vapor por outras modernas de tecnoloxía Led

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar a 3ª fase do seu plan de eficiencia enerxética do alumeado público, que beneficiou nesta ocasión a sete lugares das parroquias de Quireza, Castro e Figueroa. Deste xeito, o municipio xa mudou, nos dous últimos anos, un total de 363 focos da iluminación exterior e conseguíu mellorar a potencia ao tempo que reducíu o consumo e a factura enerxética nunha media dun 60% na rede de 16 aldeas correspondentes co territorio de Cerdedo.

A última actuación, financiada ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2019 da Xunta de Galicia, permitíu modernizar 133 luminarias, substituíndo as antigas de vapor de sodio por outras moito máis eficientes de tecnoloxía Led, que ademais melloran a luminosidade das vías e os espazos públicos. En concreto, a medida beneficiou aos lugares de Vilarchán (11 puntos de luz), Mamoalba (7), Cuiña (25), Bugarín (18), Castro de Medio (42), Castro do Cabo (13) e Deán (17). O investimento, que reduce a potencia de 64.000 a 28.272 kilovatios, complementouse coa instalación de reloxios astronómicos, que axustan automaticamente o seu funcionamento ás horas da noite aforrando ademais ata 200 horas de consumo.

Esta 3ª fase dá continuidade ás dúas acometidas anteriormente en Figueroa, Pedre e Tomonde, onde se renovaron 42 focos, e en Vilalén, Piñeiro, Os Castros, Tres Aldeas, Fondós e Outeiro, onde se cambiaron 188 luminarias.

Globalmente, o plan de eficiencia enerxética, que se está a desenvolver no territorio de Cerdedo, xa beneficiou a 16 lugares das parroquias de Pedre, Tomonde, Quireza, Figueroa e Castro grazas a un investimento global de 120.000 euros que permitíu reducir o consumo de 178.000 a
70.000 kilovatios e minguar as emisións de dióxido de carbono nunhas 30 toneladas anuais, xa que as lámpadas Led son moito menos contaminantes que as antigas de vapor. Ademais, a medida tamén é máis económica para as arcas municipais pola durabilidade dos novos focos, cifrada nunhas 100.000 horas de uso.

Deja un comentario