+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación destina 330.000 euros para fomentar e profesionalizar o sector turístico na provincia. “apostamos pola excelencia”


O goberno vén de aprobar as bases das subvencións para actividades e o financiamento do persoal nas oficinas de turismo da rede Info Rías Baixas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación en Xunta de Goberno das bases das subvencións para actividades de carácter turístico durante o 2020, e tamén das bases reguladoras para a concesión das axudas para o financiamento dos custos da dotación de persoal para a realización de tarefas de información en oficinas de turismo adheridas á rede de Info Rías Baixas. En total, a Deputación destina 330.000 euros para colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia.

En concreto, as subvencións para actividades de carácter turístico durante o ano 2020 teñen un importe de 130.000 euros. Tal e como explicou a presidenta, con esta liña de axudas preténdese acadar e manter un sector turístico competitivo, de calidade e accesible. As axudas están destinadas a apoiar o tecido asociativo da provincia que realiza accións turísticas ou sociais, culturais ou deportivas con impacto no turismo. Deste xeito, para a concesión das subvencións teñen prioridade aquelas iniciativas que se desenvolven con criterios de sustentabilidade, de fomento da cultura e tradición local, actuacións de impulso á desestacionalización e á profesionalización do sector turístico, actividades con premios ou recoñecementos oficiais, con impacto fóra da provincia ou aquelas accións encamiñadas a promover turismo enogastronómico.

No que respecta ás subvencións en oficinas adheridas á rede de turismo Info Rías Baixas, a Deputación destina 200.000 euros para unha liña de axudas que poderán solicitar as entidades locais que integran a administración local que dispoñan dunha oficina de turismo ou punto de información turística adherida á rede de oficinas de turismo Info Rías Baixas. Neste senso, Carmela Silva puxo en valor a decisión do goberno da Deputación “de poñer en marcha este proxecto, de ter unha imaxe común, e de ter unhas oficinas que permitan esa excelencia na atención ás persoas”.

Estas subvencións son para a contratación dunha persoa informadora para cada entidade solicitante e, no caso dos municipios turísticos poderanse incrementar os recursos para empregar ata dúas persoas. Máis polo miúdo, os concellos con oficinas adheridas a rede Info Rías Baixas son A Guarda, A Estrada, Sanxenxo, O Grove, Caldas, Cangas, Moaña, Marín, Oia, As Neves, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Silleda, Bueu, Ribadumia, Catoira, Baiona, Cuntis, Poio, Salvaterra e Nigrán.

Deja un comentario