+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O Goberno de Carmela Silva destina 1,2 millóns de euros para a contratación de 130 persoas en dez concellos da provincia


A achega, enmarcada na Liña 3 do Plan Concellos 2020, beneficiará a Arbo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos de Montes, Marín, As Neves, Oia, Portas, Rodeiro e Salvaterra de Miño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a segunda concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de 1.200.863,04 euros para dez concellos da provincia. En concreto, como avanzou a presidenta Carmela Silva, esta consignación permitirá aos concellos de Arbo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Fornelos de Montes, Marín, As Neves, Oia, Portas, Rodeiro e Salvaterra de Miño contratar un total de 130 traballadoras e traballadores municipais.

“Seguimos a ser a administración que pon a disposición dos concellos os recursos para poder garantir recursos e dereitos”, destacou Silva. As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e son os propios concellos os que solicitan os postos a cubrir a través destas subvencións.

Deste xeito, coa nova achega da Deputación, Arbo poderá contratar a 13 persoas que realizarán tarefas de mantemento de edificios, horticultura e xardinería, forestais, conservación de parques, condución de vehículos e manexo de maquinaria e servizos de axuda no fogar. Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade empregará a 21 persoas para traballos de soldadura de estruturas metálicas lixeiras, encofrado, cantería, pintura de vías urbanas, mecánica, condución, forestais, poda e desbroce e medio ambiente, mentres que Covelo contratará a 16 persoas para labores de limpeza, mecánica, tarefas forestais, albanelería, condución de camións, carpintería e socorrismo.

No que se refire ao Concello de Fornelos de Montes, a achega do Plan Concellos permitirá a contratación de 9 persoas, nas que se inclúen oficiais tractoristas e traballadores e traballadoras para os servizos de limpeza, asfaltado e xardinería. En Marín, 13 persoas farán traballos de obras públicas e conserxería, mentres que nas Neves haberá 11 contratacións para traballos forestais, obras públicas, condución, recollida de lixo, conserxería e fontanería.

Tanto Salvaterra de Miño como Rodeiro poderán empregar a 16 persoas. No primeiro concello, para labores de condución, información turística, limpeza, animación sociocultural, recollida do lixo, limpeza, construción, albanelería, fontanería e o servizo de cobro. E, en Rodeiro, as persoas empregadas a través desta liña do Plan Concellos ocuparanse en tarefas de traballo social, profesorado de infantil, educación social, administración e contrataranse tamén peóns de servizos básicos.

Por outra banda, Oia empregará a 8 persoas en tarefas forestais, recollida de lixo, albanelería e maquinaria forestal e, por último, en Portas, 7 persoas realizarán tarefas de condución e traballos nos servizos de limpeza, xardinería e obras públicas.

Deja un comentario