+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación finaliza a asignación das Axudas Básicas de Emerxencia do 2019 coa achega de 107.600 euros ao último grupo de doce concellos da provincia


O Goberno provincial destinou 465.000 euros a estas axudas, “coas que garantimos que as persoas que están a atravesar dificultades teñan os dereitos básicos”

A Deputación de Pontevedra ven de rematar a asignación das Axudas Básicas de Emerxencia (ABE) do pasado ano 2019, coa achega de 107.600 euros ao último grupo de doce concellos da provincia, como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva. En total, o pasado ano o Goberno provincial destinou 465.000 euros a estas axudas, dirixidas aos 52 concellos de menos de 20.000 habitantes a fin de que poidan atender as demandas de urxente e puntual necesidade da veciñanza que se atope en situación ou risco de exclusión social.

Máis polo miúdo, inclúense neste grupo de concellos os de Arbo, Meaño, Mondariz-Balneario, Pazos de Borbén, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo, Silleda, Tomiño, Tui, Valga e Vila de Cruces. Como explicou Silva, as axudas van destinadas a “alimentación, uso da vivenda, pagamento de recibos, pago de produtos de hixiene e limpeza, pagamento de produtos farmacéuticos, electrodomésticos básicos, desprazamentos, pago de lentes e audífonos ou de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio e axudas de apoio á infancia”. “Estas son as axudas _subliñou_ que permiten ás persoas que están a atravesar dificultades ter os dereitos básicos que todas as persoas teñen que ter. E é a Deputación de Pontevedra quen o garante”.

Carmela Silva lembrou que no ano 2018 estas axudas deron cobertura á máis de 1851 familias da provincia, das que 1.408 tiñan menores ao seu cargo e 1.036 tiñan a ambos proxenitores en situación de desemprego. “Este é un servizo básico do que esta Deputación se sente orgullosa”, destacou, tras citar tamén que 336 das beneficiarias eran familias monoparentais; 388 eran usuarias do Servizo de Educación e Apoio Familiar e 53 usuarias do Servizo de Axuda no Fogar. A presidenta indicou así mesmo que 68 persoas eran vítimas de violencia de xénero, 324 tiñan diversidade funcional ou grao de dependencia recoñecido, e 272 eran persoas maiores. Por outra banda, 188 eran persoas con alcoholismo e ou drogodependencia.

Deja un comentario