+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Contratados o estudo xeotécnico e a redacción da modificación puntual do Peprica para conectar polo subsolo os edificios centrais do museo


Galaicontrol será a empresa encargada de certificar o estado do terreo baixo o Castro Monteagudo, García Flórez e Fernández López

A rehabilitación dos edificios centrais do Museo de Pontevedra avanza un novo chanzo para facerse realidade. A Deputación de Pontevedra ten xa contratados o estudo xeotécnico e a redacción da modificación puntual do Peprica para conectar os tres inmobles polo subsolo e permitir así unidade funcional, unha maior accesibilidade e maior capacidade expositiva para a institución museística.

A empresa Galaicontrol SL será a encargada de realizar o estudo xeotécnico na contorna dos inmobles da Praza da Leña, adxudicado por 5.016, 66 euros. Na vindeira semana formalizarse a sinatura do contrato, polo que nas seguintes xornadas se iniciarán os traballos de replantexamento e o inicio da actuación.

O estudo xeotécnico deberá garantir a viabilidade do proxecto da rehabilitación dos edificios mediante unha conexión subterránea con dous niveis. Realizaranse sondaxes e ensaios para distinguir os diferentes estratos e tipoloxías de solo e rocha en profundidade, así como a súa estabilidade. Ademais de sondaxes a rotación e ensaios de penetración dinámica no terreo realizaranse ensaios de laboratorio (granulometría, agresividade do solo e auga no formigón, densidade natural e seca…).

A interconexión mediante a creación dun novo soto foi apoiada polo Consello Asesor do Museo na súa primeira reunión ao considerar que é única solución óptima para garantir a operatividade e o uso museístico dos inmobles. A diagnose concluíu que esta proposta permitirá a conexión e continuidade entre eles, cumprirá a normativa de accesibilidade e proporcionará unha alta funcionalidade ao conxunto, sempre coa premisa de manter intacta a icónica imaxe exterior actual.

Por outra banda, a redacción da modificación puntual do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) de Pontevedra tamén está adxudicada, neste caso a Antonio Reboreda Martínez SLNE por valor de 10.678,25 euros.

Esta modificación é precisa porque o actual plan (aprobado en 2003) non contempla a posibilidade de crear sotos en ningún dos tres edificios -nin sequera recolle a plataforma de conexión soterrada existente a día de hoxe-. Outro dos cambios no texto é preciso dado que é obrigado incluír de forma expresa a creación de equipamentos públicos baixo rúa pública nun instrumento de ordenación.

As obras de Valdecorvos, contratadas este ano
Amais dos contratos para a rehabilitación dos edificios centrais, que se prevé máis dilatada no tempo (as modificacións do Peprica realizadas ata o de agora tiveron unha tramitación mínima de ano e medio), a Deputación ten en marcha tamén todos os procedementos para sacar adiante o Centro de Arqueoloxía de Valdecorvos.

Nestes momentos está en trámites a contratación para realizar o taquimétrico da parcela onde se prevé construír o inmoble. A idea é que neste ano se poidan contratar as obras, polo que tamén se está a estudar a maneira máis áxil e o encaixe para sacar adiante o proxecto construtivo.

Deja un comentario