+034 986 09 02 04 Sábado 30 de Maio de 2020

O concello da Lama gastará un de cada cinco euros do seu orzamento na área de actuacións de portección e promoción social


As contas acadan a cifra de 1.577.170,80 euros e van orientadas a manter os servizos públicos, favorecer investimentos en viais e en apoia-la acción dos colectivos sociais e culturais do municipio

 

A Corporación Municipal da Lama aprobou, co voto unánime dos concelleiros presentes (PPdeG e Cs) os orzamentos municipais para o ano 2020 que alcanza un montante total de 1.577.170,80 euros, uns 20.000 euros superior ao do exercicio anterior e que, segundo o alcalde Jorge Canda, “destinará un de cada cinco euros á área de actuacións de protección e promoción social que terá un investimento total de 341.026,06 euros para dar atención ás persoas demandantes do Servizo de Atención no Fogar (SAF), ao Centro á Información á Muller (CIM), e ao programa Xantar na Casa, en defitiniva para atender como é debido a todos aqueles veciños e veciñas que precisan da nosa axuda e cos que temos que ter unha actitude máis sensible e receptiva como os demandantes de axuda por dependencia ou persoas maiores que viven soas”, indicou o rexidor.

O alcalde Jorge Canda defendeu tamén que as contas municipais para este ano irán orientadas a manter todos aqueles servizos públicos, favorecer investimentos en viais e en apoia-la acción dos colectivos sociais e culturais do municipio a través de iniciativas conxuntas ou colaborando no fomento e realización de actividades socioculturais en todas e cada unha das parroquias. Así, no capítulo de Cultura e Deportes as contas municipais reservan uns 115.000 euros.

Segundo Jorge Canda, os orzamentos que presenta o grupo de goberno están baseados “na estabilidade económica e na responsabilidade de facer unha xestión equilibrada sen descoidar nin o gasto público nin as necesidades prioritarias dos veciños e veciñas da Lama. Así, gran parte do gasto vai destinado a accións sociais e culturais e prevemos seguir co traballo de mellora de viais e infraestruturas a través da colaboración económica doutras administracións como a Xunta ou a propia Deputación”.

O alcalde Jorge Canda realizou ante o Pleno da Corporación unha explicación pormenorizada das partidas que compoñen os orzamentos que cualificou como “feitos ás necesidades e ás posibilidades que temos como Concello”. Reiterou o seu desexo de seguir mantendo conxeladas as taxas e impostos municipais e unha débeda insignificante do 5,5% do orzamento, moi alonxada do 110% máximo que autorizan os órganos fiscalizadores do Ministerio de Facenda.

Canda destacou en canto á colaboración cos colectivos sociais o feito de que a ANPA Caldevergazo, do Colexio Público da Lama, conte cunha achega económica do Concello para as súas actividades de 3.000 euros, “ unha consignación orzamentaria dás máis altas dá comarca para un concello tan modesto como o noso, pero que é ben consciente da importancia de apostar pola educación e polos nosos cativos e as actividades extraescolares complementarias”, indicou o alcalde.

Así mesmo, Jorge Canda explicou que o Concello destinará en 2020 a actividades culturais e de tempo libre promovidas pola Asociación de Veciños da Lama 4.000 euros, con motivo da celebración da festividade de San Joaquín e Santa Ana; a Asociación Cultural “As Ermidas” dispoñerá doutros 4.000 euros para as actividades culturais complementarias da tradicional romaría e establécese unha subvención de 1.500 euros para cada unha das entidades que posúen centros culturais ou casas do pobo onde se concentra a actividade veciñal e que albergan algunha mesa electoral como Xesta, Antas, Gaxate, Covelo, Seixido e Borralleiro.

Consolídase tamén a partida de apoio aos colectivos sociais. Este orzamento destina 1.000 euros para o Concurso Exposición de Espantallos na Roteiro do Río Barbeira que concentra unha exhibición de espantallo que se realiza nas beiras do río Barbeira en Verdugo e A Escuadra e que serán destinados a promocionar esta peculiar celebración que cada ano gaña un maior número de adeptos vindos desde diversos lugares non só da provincia senón tamén de Galicia.

Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal aprobou tamén a dedicación parcial do tenente de alcalde David Carrera, coa abstención de Cidadáns, coa intención de reforzar a acción de goberno e a atención cidadá personalizada en todos e cada un dos lugares do concello favorecendo o contacto directo coa veciñanza e a política municipal de proximidade co administrado como método de traballo do novo equipo de goberno.

Outro dos temas tratado no Pleno foi a proposta de modificación do convenio de colaboración dos servizos de emerxencia e Protección Civil que farán que o Concello da Lama teña que subir a súa cuota anual a 2.177,30 euros. Tamén tentarase conseguir unha Pick-Up de emerxencias que podería estar destinada á base da Lama. Tamén se aprobou por unanimidade unha moción do PPdeG aprol de que os concellos non queden excluídos do programa Pontegal da Deputación de Pontevedra para solicita-la actuación de grupos musicais, bandas de música, etc.

No punto referido a rogos e preguntas, o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, pediulle ao equipo de goberno o cambio do horario dos plenos coa intención de favorece-la participación dos outros dous grupos da oposición (PSdeG-PSOE e BNG) que sinalan as dificultades para acudir a eles por motivos laborais. O alcalde indicoulle que a lei ampáraos para que fagan uso desas horas como representantes públicos e que por operatividade seguirá mantendo os plenos ás 14 horas.

Andrés Cal solicitoulle ao alcalde medidas de ordenamento do tráfico no entorno do tanatorio para favorece-lo tráfico na zona, sobre todo, en días de velorio ou enterro. Tamén lle pediu ao rexedor que arbitre unha solución para que os días de intensa choiva non se levanten as tapas dos sumidoiros en varios tramos do alcantarillado no centro da vila.

Deja un comentario