+034 986 09 02 04 Domingo 17 de Xaneiro de 2021

Cores tourís visitou Ponte Caldelas para manter un primeiro encontro institucional co novo alcalde da localidade


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra analizou con Andrés Díaz temas relacionados co PXOM e o polígono empresarial de A Reigosa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o concello de Ponte Caldelas dentro da rolda de visitas institucionais que acaba de iniciar cos concellos que contan, dende o pasado 24 de maio, con novos alcaldes e alcaldesas dentro do ámbito de actuación da Delegación Territorial de Pontevedra.

O obxectivo destas visitas, como explicou Cores Tourís a Andrés Díaz, é “falar cos alcaldes e alcaldesas co obxectivo de coñecer cales son as súas demandas e proxectos para os próximos meses”.

Entre os temas que se analizaron esta mañá atopáronse cuestións como o avance na tramitación do PXOM, que o rexedor considera “esencial” para o municipio. Tamén trasladou a Cores Tourís a necesidade de poñer en marcha unha posible modificación do plan sectorial de cara a aplicar unha protección especial ao polígono empresarial. “O noso obxectivo é evitar que se instalen nesta área empresas contaminantes”, explicou Díaz. Finalmente, outra das demandas do novo rexedor foi a reactivación do proxecto da Cidade do Transporte.

Pola súa banda, en relación ao concello de Ponte Caldelas, o delegado territorial tamén tivo palabras de recordo e agradecemento ao anterior grupo de Goberno, “e ao seu alcalde Perfecto Rodríguez”, xa que foi o encargado de traballar para que a administración autonómica puxera en marcha numerosos proxectos neste concello relativos a infraestruturas como a execución do saneamento da Reigosa, que deu resposta a unha importante demanda dos veciños desta parroquia; a senda peonil de Forzáns; a pavimentación da estrada PO-225 ao seu paso por Cuñas ou o reforzo do firme da estrada PO-234 que une Ponte Caldelas con Augasantas.

Ademais, a administración autonómica tamén traballou para a potenciación e dinamización do comercio local neste municipio coa humanización da zona comercial da avenida de Vigo e do seu enforno ou a reforma da praza de abastos.

A remodelación do pavillón de deportes, a renovación de luminarias para a mellora da eficiencia enerxética de Ponte Caldelas ou a posta en marcha de melloras no sistema de seguridade e vixilancia do polígono de A Reigosa, foron outros dos proxectos nos que a Xunta colaborou co concello de Ponte Caldelas.

Finalmente, Cores Tourís fixo fincapé na importancia de continuar a executar obras de mellora dos servizos e infraestruturas do municipio, insistindo en que “nestes tempos de crise é necesaria a colaboración entre as distintas institucións. Esta é a razón pola que debería continuarse coa actual relación entre concellos, Xunta e Deputación de Pontevedra”.

“Quero destacar a labor desenvolvida polo presidente desta institución provincial durante os últimos anos, Rafael Louzán, que permitiu que entre as tres administracións puxéramos en marcha importantes obras para os concellos de Pontevedra. Agardamos que a nova corporación provincial teña en conta a importancia deste tipo de protocolos e convenios para continuar traballando no mesmo senso”, engadiu Cores Tourís.

Deja un comentario