+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

O PP lamenta que a oposición rexeite unha proposta “legal” para cumprir coa Memoria Histórica e acúsaa de “falta de vontade”


“Fun o primeiro alcalde de PP e PSOE que pedín a restitución de Bóveda e o meu tio avó foi represaliado pola ditadura así que non admito leccións”, di Cubela

 

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e presidente do PP local, Jorge Cubela, lamentou profundamente na xornada de hoxe que a oposición municipal rexeitara, no pleno celebrado onte, unha proposta “legal” presentada polos populares para cumprir axeitadamente coa Lei da Memoria Histórica no municipio e acusou aos grupos municipais de PSOE e BNG de “falta de vontade” para chegar a un acordo nun tema tan importante.

 

“O BNG, coa connivencia do PSOE, veu ao pleno cunha proposta pechada e que contraviña a lei, tal e como admiten nas súas declaracións dicindo que o foco estaba nas cuestións políticas, e non estaban dispostos a aceptar ningunha enmenda, nin sequera tan sensata como a nosa, porque o único que buscaban eran balbordo e titulares. En calquera caso, como alcalde e presidente dunha corporación négome en redondo a aprobar unha moción como a súa, que é ilegal, porque os acordos da corporación hai que cumprilos e rexeito absolutamente que este Concello, baixo o meu mandato, aprobe e execute irregularidades sen amparo legal”, detallou Cubela.

 

O rexedor lembrou que o seu grupo tiña e ten toda a intención de cumprir coa Lei da Memoria Histórica, pero deixou ben claro que facendo as cousas ben e por iso presentou unha contraproposta, rexeitada por socialistas e nacionalistas, para cursar unha solicitude de colaboración ao Goberno Central para a elaboración dun catálogo de vestixios relativos á Guerra Civil e á Ditadura, como di o artigo 15 da lei, e para que o Estado colabore co financiamento da reposición destas construcións en aras do interese artístico, arquitectónico e público, xa que moitas teñen protección e catalogación de Patrimonio.

“Fun o primeiro alcalde de PP e PSOE que pedíu publicamente ao Estado a restitución moral de Alexandre Bóveda e o meu tio avó, que foi cura, foi represaliado pola ditadura por dar de comer e auxiliar a un grupo de Foucellas na Reitoral de Tomonde, polo que foi condenado a tres anos de desterro. Condenei, como demócrata e galeguista convencido, os actos sumarísimos e as detencións ilegais así como o réxime franquista, polo que non admito leccións de ninguén neste asunto”, manifestou Cubela, que insistíu en que buscou un acordo unánime da corporación para comprometer unha actuación garantista da retirada dos símbolos franquistas “pero en base á lei, que nós si que a lemos e sabemos o que recolle”.

 

Finalmente, e tras deixar claro que o Concello tamén quere colaboración económica do Estado para non adicar máis de 100.000 euros de fondos propios a unha cuestión que esixe e emana do Goberno Central, Cubela negou, como sostén o BNG, que houbera ningún debate acalorado: “O debate foi moi sosegado, pero a eles non lles interesa dicir a verdade, interésalles vender unha lea e acadar un titular e a gran proba delo é que sempre gravan os plenos, tamén o fixeron neste punto, pero se resisten a colgar o vídeo do mesmo, tal e como fan sempre e tal e como lle solicitei publicamente nas súas redes sociais oficiais porque saben que están vendendo fume”.

Deja un comentario