+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

Cubela critica que a oposición non apoie a reclamación do IVE ao Estado malia o perxuízo para todos os galegos


Lamenta que os socialistas se abstiveran, de xeito contrario á súa postura na Mancha, A Coruña ou Silleda, e acúsaos de alinearse con Gonzalo Caballero

 

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e presidente do PP local, Jorge Cubela, criticou aos grupos municipais da oposición por non apoiar a proposta dos populares de apoio á Xunta de Galicia na súa reclamación de 370 millóns de euros ao Estado pola liquidación do Imposto do Valor Engadido (IVE) do ano 2017 malia que supón un forte perxuízo para todos os galegos ademais dunha “auténtica inxustiza”.

 

O rexedor lamentou que os socialistas, que se abstiveron do mesmo xeito que os nacionalistas, fixeran “seguidismo e corporativismo” co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e co secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, “simplemente porque o que lles convén é ter eses cartos para outras cousas ou para outros territorios coa conseguinte discriminación para Galicia”. “Non entendemos a postura do PSOE local de darlle as costas aos veciños de Cerdedo-Cotobade e a todos os galegos, porque en vez de ser defensores dos nosos dereitos e belixerantes cos seus compañeiros de partido cando toman unha decisión inxusta, o que fixeron foi actuar de palmeiros, non como os seus compañeiros do Goberno da Mancha, da Deputación da Coruña ou do Concello de Silleda, só por poñer tres exemplos, que si que se atreveron a esixir o que é noso”, indicou.

 

“Está claro que hai dous PSOE, polo menos, e Lina Garrido decidíu alinearse co de Gonzalo Caballero, o cal é nefasto para os intereses de Galicia e dos galegos”, sinalou Cubela, que tamén lamentou que o BNG “ao que tanto se lle enche a boca dicindo que defende esta terra non aproveitara a oportunidade para demostralo”.

Por outra banda, o alcalde tamén afeou que o PSOE rexeitara a moción popular para reclamar á Deputación de Pontevedra que manteña o programa cultural Pontegal, para a contratación de formacións musicais, en mans dos concellos, ademais de nas asociacións culturais. “Coa eliminación do Pontegal para os municipios prodúcese un novo recorte por parte do goberno de Carmela Silva, que xa nos cercenou a mellora nas estradas coa supresión do parque de maquinaria, e ademais eliminou da ecuación aos concellos, que eran os principais programadores destas actuacións, polo que as máis perxudicadas van a ser as agrupacións musicais que non van ter esta posibilidade”, apostillou. Neste senso, indicou que, por mor desta decisión dos socialistas, os grupos locais Os Trazantes de Tenorio, Os Afoutes do Canón de Pau, Foula e Os Abrentes de Cerdedo xa non poderán ser contratados polos concellos ao abeiro deste programa. “É un grave perxuízo para os grupos e tamén para os concellos, outro máis perpetrado polo bipartito”, concluíu.

Deja un comentario