+034 986 09 02 04 Domingo 23 de Setembro de 2018

O concello de Ponte Caldelas non pagará a obra en Taboadelo, “herdada de Perfecto Rodriguez”, mentras non queden subsanados os fallos detectados


Andrés Díaz sinala que “tócanos a nós solucionar agora as chapuzas electoralistas feitas apresa e correndo por Rodríguez que nos están traendo graves consecuencias”

O grupo de goberno do Concello de Ponte Caldelas non pagará a obra de ensanche do acceso principal ao núcleo de Taboadelo mentras a empresa non subsane de xeito inmediato os fallos detectados no muro de contención do camiño ampliado.

O alcalde Andrés Díaz sinalou indignado que unha vez detectado polos veciños ese problema “tócanos agora a nós solucionar as chapuzas electoralistas feitas apresa e correndo por Perfecto Rodríguez. Forman parte da herdanza do Sr. Rodríguez máis preocupado en tentar gañar as eleccións que en resolver axeitadamente as demandas veciñais e, así, agora vémonos diante destas graves consecuencias para a seguridade vial e para a economía do Concello”.

O rexedor deu orde urxente de tomar medidas precautorias para preservar a seguridade vial e dos veciños que transitan pola zona ao tempo que está tentando localizar á empresa que realizou a obra “a cal pasou unha factura duns 10.000 euros que, desde logo, non vai cobrar mentras nos resolva satisfactoriamente todos e cada un dos fallos detectados nos seus traballos”, sinalou Díaz Sobral.

“PERFECTO RODRIGUEZ DILAPIDOU IRRESPONSABLEMENTE O ORZAMENTO PARA QUE NON TIVERAMOS MARXE DE MANIOBRA NIN PARA ATENDER O MAIS URXENTE E NECESARIO”

Asemade, o alcalde sinalou que o equipo de goberno tentará resolver o problema de xeito inmediato aínda que xa adiantou que “a solución definitiva a este problema de accesibilidad para o núcleo principal de Taboadelo terá que agardar polos orzamentos o ano que ven xa que Perfecto Rodríguez só nos deixou 4.000 euros no presuposto actual para atender tódalas necesidades en material e cemento, que se presenten no concello ata o 31 de decembro. Perfecto Rodríguez dilapidou irresponsablemente o orzamento para que o novo equipo de goberno non tivera marxe de maniobra nin para atender o máis urxente e necesario. Desde logo é unha auténtica temeridade, que se une a outro tipo de decisións para deixar baleiras as arcas municipais como gastar 15.000 euros na actuación da orquestra París de Noia a escasos días de deixar o cargo para hipotecar, dilapidar e menoscabar a capacidade de xestión do equipo de goberno actual ao tempo que quixo poñer en serio risco a propia celebración, coa calidade que precisa, da Festa dos Dolores”.

Deja un comentario