+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

O Concello remata a mellora e ampliación da conexión entre Santa María de Sacos e Carballedo tras investir 430.000 euros


 A actuación, desenvolvida en tres fases, beneficiou ao núcleo de Vila de Arriba, a costa da igrexa e o treito de Carballeira do Agro ata a capital

O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar o proxecto completo de mellora do firme e ampliación da calzada da estrada municipal entre as parroquias de Santa María de Sacos e Carballedo, que supuxo un investimento global de 430.000 euros co que se corrixíu a estreitez de moitos tramos e o deterioro da capa de rodadura nalgúns puntos.

Esta actuación, que se desenvolveu en tres fases nos dous últimos anos, permitíu remodelar o vial de xeito integral dende o entronque da N-541 no lugar de Vila de Arriba, en Santa María de Sacos, ata a aldea de Trabazo, xa nas inmediacións da capital municipal.

En primeiro lugar, e xa hai case dous anos, acometeuse a primeira fase coa mellora de seguridade vial e ensanchamento do acceso a Vila de Arriba na denominada costa da igrexa. Nela investíronse preto de 200.000 euros na ampliación da plataforma para corrixir a sinuosidade das curvas e favorecer o tráfico e a dotación de canalizacións de augas, redutores de velocidade, sendas peonís laterais, muros de mampostería, novas marcas viais e cubrecontedores.

E agora, dende o pasado mes de novembro, executáronse a segunda e terceira fases, consistentes na mellora dun treito curto nas proximidades de Vila de Arriba coa estrada nacional e na modernización completa do longo tramo entre a Carballeira do Agro e as inmediacións de Trabazo, onde se efectuaron tarefas de ampliación, renovación do firme, remodelación de cunetas e outras obras. En concreto, estas melloras consistiron na dotación de cubrecontedores na contorna do cemiterio, o pintado de toda a estrada, a instalación de lombos redutores de velocidade, a habilitación dunha senda en cor ocre para favorecer o tránsito peonil en Vila de Arriba e o soterramento da canalización da traída de augas nun treito dun quilómetro.

En total, investíronse nestas dúas últimas fases un total de 180.000 euros, aos que hai que engadir 50.000 en melloras, para completar a remodelación desta estrada agás nunha pequena zona, na contorna superior das vivendas, que quedou fóra desta remodelación, xa que a capa de rodadura atópase en boas condicións e o emprazamento das casas impide efectuar calquera tipo de ensanchamento.

Con motivo do remate desta actuación, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, fixo un percorrido por toda a renovada arteria e destacou a súa importancia, especialmente polo ensanchamento realizado, para dotar de maior seguridade ao tráfico simultáneo de vehículos e para mellorar a mobilidade intermunicipal.

Deja un comentario