+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020

Cubela valora a redacción dun novo proxecto vial para Almofrei, pero fixa como liña vermella que recolla as demandas dos veciños


Insiste na súa “vontade de comezar de cero e negociar a obra”, pero tamén advirte que respalda a petición de ensanchamento dos veciños

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de valorar moi positivamente que a Deputación de Pontevedra anunciara a redacción dun novo proxecto para a mellora viaria da EP-0405 en Almofrei apenas quince días despois de que el mesmo formalizara esta solicitude ante os deputados Carlos López e Gregorio Agís durante a visita ás obras de humanización da Chan, pero tamén quixo deixar claro, antes de que arranque este proceso, de que fixa como liña vermella que dita actuación recolla as demandas dos veciños e que son compartidas e defendidas polo goberno local.

“Quero agradecer a celeridade coa que a Deputación recolleu a luva e aceptou a nosa petición para comezar de cero con este proxecto e abrir un proceso negociador que contente a todas as partes e desenquiste unha situación que leva catro anos sen avances”, manifestou Cubela, que lembrou o seu compromiso de despolitizar este asunto “en defensa do interese xeral e da veciñanza de Almofrei”, tal e como xa falou cos representantes provinciais.

En calquera caso, tamén quixo fixar a posición do Concello, do mesmo xeito que a Deputación determinou previamente, co anuncio da redacción do proxecto, que quere implantar nesta estrada provincial os seus criterios de mobilidade. “Paréceme lexítimo que queiran incluír as súas liñas en infraestruturas, pero se realmente queren demostrar a súa intención de negociar e sacar esta necesaria obra adiante, creo que tamén é de xustiza que teñan en conta as nosas peticións e as dos veciños, que pasan principalmente por un ensanchamento e incluso unha modificación da plataforma da calzada para corrixir a estreitez da vía e a sinuosidade de moitas das súas curvas, que son os dous aspectos realmente perigosos”, detallou.

“Creo que estamos amosando unha absoluta intención de manter un diálogo fluído e cordial e que, dende o goberno local, antepoñemos o interese xeral a cuestións partidistas, pero tamén debe quedar claro que a nosa postura de partida pasa por defender inquebrantablemente as peticións dos veciños de Almofrei. En todo caso, estamos dispostos a negociar, dialogar e chegar a acordos que teñan en conta os criterios de mobilidade da Deputación, pero sempre que pola súa banda haxa unha vontade leal e recíproca de non rebaixar as demandas da parroquia de Almofrei”, concluiu o rexedor, que insiste en que as peticións dos veciños para esta estrada

“parten do absoluto sentido común e son de xustiza, porque a estrada non pode seguir con ese trazado en pleno ano 2020”.

Deja un comentario