+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

Entroido en Salceda: máis de 130 anos de historia dun enfrontamento


A Casa da Cultura Castelao acolleu esta mañá a presentación do que probablemente sexa un dos entroidos máis antigos da provincia, e que mantén cando menos dende 1888 (data da primeira proba documental) a loita entre dous barrios da mesma parroquia: A Feira e Castro Barreiro. Precisamente Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, e Alex Rodríguez, Concelleiro de Cultura, estiveron hoxe acompañados de representantes de ámbolos dous barrios (Sofía Carracedo e Félix Méndez pola Feira e Arancha Rodríguez e Ana Troncoso polo Barreiro), que non perderon oportunidade de defender o seu como o Entroido máis apaixoante e o único capaz de unir a todo un barrio independentemente dos gustos, intereses ou incluso ideoloxía política de cada quen, co único fin de facer un mellor entroido que o barrio rival. E ese é precisamente unha das grandes diferenzas do Entroido de Salceda, a non existencia de barrio ganador e barrio perdedor, ou polo menos non de xeito oficial, xa que o premio é a boa ou mala crítica da xente, sen veredictos.
Castro e Barreiro e A Feira celebrarán o martes 25 (festivo local) o seu día grande, coa presentación das súas carrozas e comparsas, nas que participan máis dun cento de persoas de tódalas idades. Tamén nisto leva cambiado moito, xa que historicamente só lle estaba permitida a participación nas comparsas á xuventude, que deixaba de poder participar no momento en que casaban. Sen embargo hoxe en día, ámbolos dous barrios abriron a participación á xente de tódalas idades, involucrando deste xeito aínda en mellor medida á totalidade da veciñanza.
Tanto as representantes de castro Barreiro como da Feira quixeron facer un especial recoñecemento ao traballo das persoas maiores, sen o cal sería absolutamente imposible manter esta tradición hoxe en día, destacando que “delas seguimos a aprender cada día para seguir a facer o mellor carnaval”.
Dende o ano 2018 a Feira ven representando ademais o que xa se coñece como “entroido histórico”, coa presentación do seu rancho de entroido formado por seis danzantes e dúas damas, que aparecen rodeados dos cabaleiros, encargados de abrir espazo entre o público para que o rancho poida realizar as súas danzas.
Con todos estes elementos, o Concello de Salceda segue apostando pola declaración do Entroido de Salceda como festa de interese turístico, instando á Xunta de Galicia a que teña en conta tanto a centenaria tradición que se agocha tras o entroido de Salceda, como o esforzo que se está a facer na recuperación das figuras históricas da festa, que levaban décadas desaparecidas.
A Alcaldesa, Loli Castiñeira, amosou a súa satisfacción por ter “tres entroidos en un” en Salceda: o entroido infantil con máis de 1200 nenos e nenas de 0 a 16 anos desfilando pola vila, o entroido institucional con máis de 100 participantes no XXII desfile de carrozas e comparsas do domingo que cada ano reúne a milleiros de persoas no público, e o entroido tradicional co histórico enfrontamento entre Castro Barreiro e Feira. Así mesmo quixo recoñecer o traballo realizado polo Concelleiro de Cultura Alex Rodríguez que, a pesar de tratarse dunha festa transversal que implica a tódalas áreas, é o encargado da coordinación e organización dos diferentes actos. Tamén quixo a alcaldesa agradecer o esforzo tanto do persoal municipal e Policía Local como do voluntariado e especialmente de Protección Civil, sen os cales sería imposible sacar adiante este tipo de eventos multitudinarios.

Deja un comentario