+034 986 09 02 04 Martes 11 de Agosto de 2020

O Concello aposta pola unidade na celebración do 8M


A presidenta da AECC, Miluca X, reuniuse esta mañá ca concelleira Marián Sanmartín e ca directora do CIM, Marián Sánchez, para organizar a participación na andaina da Ruta de Montes e Praias e a asistencia ao acto institucional, que será unha hora despois do remate da proba deportiva.

O Concello de Marín segue dando pasos na organización do 8 de Marzo, unha data na que se reivindica o papel da muller na sociedade e que este ano estará dedicada na vila marinense ás coidadoras. Este colectivo, entendido no seu máis amplo senso, representa unha grandes desigualdades de xénero na vida cotiá de moitas mulleres, responsables na gran maioría das tarefas de coidados, tanto a nivel persoal como no eido laboral.
Dentro da esfera familiar resulta imprescindible incidir no reparto destas tarefas, especialmente cando se da unha circunstancia complexa, como é a de ter ao cargo a un familiar que padece algún tipo de enfermidade. Así o estiveron analizando esta mañá a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín; a directora do CIM de Marín, Marián Sánchez e a presidenta da AECC da vila, Miluca X.
Precisamente por iso, e así se expuxo na reunión de hoxe, o Concello considera unha boa oportunidade a celebración da Ruta de Montes e Praias, que recadará fondos para a AECC e cuxo itinerario máis curto, de 15 quilómetros, ten a súa finalización fixada para as 12.00 horas. A presidenta da AECC trasladou ás representantes do CIM e do Goberno local a intención das socias e das inscritas na andaina “de participar no acto institucional, no que tamén nos sentimos visibilizadas e apoiadas”.
O acto oficial do 8M dará comezo ás 13.00 horas na Alameda (trasladaríase ao Concello en caso de chuvia) e consistirá na lectura dunha declaración institucional e no reparto das xa tradicionais tazas conmemorativas do día, ilustradas cunha viñeta de Luís Davila.
Ademais, a Ruta de Montes e Praias quere ter un lema feminista, no que se reivindique a figura da muller relacionada co deporte. Este lema será escollido entre todos os que propoñan os participantes cando se inscriben. Ademais, cada un ou unha poderá levar a frase que propuxo no seu dorsal e crearase un photocall que estará instalado na Alameda cunha escolma de todos eses lemas.
Desde o CIM e o Concello, insisten na importancia de loitar de maneira unitaria pola igualdade de xénero, aínda que mostran o seu respecto á liberdade de convocatoria das asociacións para realizar outros actos reivindicativos do 8M.
Asimesmo, o Goberno local aproveitou a reunión de onte para poñer en valor o traballo que se vén facendo nos últimos anos a través do Consello da Muller, onde están representadas X asociacións de mulleres e representantes dos diversos partidos políticos que conforman a Corporación municipal.
Ese órgano, de maneira unitaria, é o que decide o colectivo de mulleres ao que se lle dedica o día do 8 de marzo e o que consensúa o contido da declaración institucional. “Consideramos que este órgano é fundamental para poder seguir traballando de forma conxunta na igualdade de xénero”, asegurou Sanmartín.

Deja un comentario