+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

A Deputación leva ata o pazo de liñares a riqueza arqueolóxica do patrimonio da provincia con “Pegadas na paisaxe”


A exposición, que “vai poñer en valor todo o que somos”, inaugurarase na semana do 17 ao 21 de febreiro e permanecerá aberta ata Semana Santa

A presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva deu a coñecer hoxe “Pegadas na paisaxe. O patrimonio do Deza”, unha mostra que vai ter lugar no Pazo de Liñares e “vai poñer en valor todo o que somos, promocionar a nosa provincia, protexer a nosa cultura inmaterial e servir de factor de atracción turístico: unha nova aposta da Deputación pola nosa historia, cultura e patrimonio ligada ao territorio”. A mostra, que se inaugurará na semana do 17 ao 21 de febreiro, permanecerá aberta ata Semana Santa e segue a liña de “Galaicos: un pobo entre dous mundos”, que foi visitada por máis de 44.000 persoas en Madrid, Valencia e Pontevedra.

“Pegadas na paisaxe” trátase dunha exposición organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra. A mostra, tal e como indicou a presidenta, vai presentar pezas, paneis, dioramas e un audiovisual que dará conta da transformación da paisaxe dende a Idade de Bronce Final, especialmente no Deza ,onde hai 107 castros catalogados, pero tamén doutras zonas da provincia. Tamén porá de manifesto “que na Idade de Ferro tiñamos unha posición estratéxica de centralidade, ao tempo que reflicte como as galaicas e galaicos interactuaron coas paisaxes”.

A mostra vai estar estruturada en catro eixos que abranguen “O patrimonio do Deza”, “O Deza: terra de castros”, “Artefactos: pegadas no tempo” e “O cálculo do tempo”. Así, vai centrase nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda; Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como en outros once xacementos da provincia como A Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Tegra, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo o Toralla. Tamén amosará moedas, fragmentos de cerámica, un machado, unha lasca, unha estela, unha fíbula, unha conta de bronce ou unha argola africana atopadas nos distintos xacementos do Deza e pertencentes a un período que abarca dende o 1.500 ANE e o século VI. Xunto a estas pezas a mostra presentará pezas contemporáneas relacionadas coa tradición do territorio, que dan mostra da evolución e transformación de diferentes actividades ao longo da historia.

Ademais, “Pegadas na paisaxe” estará acompañada por unha unidade didáctica para escolares, “para que coñezan a nosa historia, se sintan orgullosas e orgullosos, xa que é a única forma de que as xeracións vindeiras coiden este patrimonio”, asegurou Silva. Deste xeito preténdese que haxa “moita presenza de centros educativos” así como de familias e visitantes do Deza, Terra de Montes e doutras zonas da provincia e Galicia.

Deja un comentario