+034 986 09 02 04 Venres 07 de Agosto de 2020

As nenas e nenos da EEI de Verducedo en Moaña aprenden compostaxe co ‘Xardín dos bichocos’


Os escolares estrean os novos obradoiros e contos do Plan Revitaliza da Deputación para ensinar de maneira lúdica a necesidade de xestionar o lixo de maneira sustentable

As pequenas e pequenos da EEI de Verducedo en Moaña coñeceron estes días a novos personaxes do mundo Revitaliza que lles axudaron a aprender de maneira divertida en que consiste a compostaxe: ‘Os bichocos’. Persoal do CEIDA realizou varias actividades no centro para explicar todo o proceso de separación do lixo e a produción de compost e o resultado foi un éxito entre a comunidade escolar.

Coa axuda de personaxes ilustrados e tamén con elementos orgánicos tipo follas, sementes e area utilízanse nunha mesa de luz para contar a historia de Os Bichocos cun resultado plástico, visual, sensorial e atractivo. “Os Bichocos son uns insectos que viven na chamada Terra Malfadada onde non nacen nin medran as flores e onde tampouco bailan as bolboretas. Os Bichocos descobren o compost da man do seu amigo o caracol Ecocol e aprenden a fabricalo ata conseguir unha terra tan boa que converte a Terra Malfadada no Xardín Máxico de Os Bichocos”, explicaron as monitoras.

Unha vez finalizado a interpretación do conto, os escolares realizararon unha serie de actividades dinámicas e didácticas para comprender o proceso de fabricación da ‘terra máxica’: o compost. Entre elas estiveron o dominó de compostaxe, a proba dos residuos do tesouro, o crebacabezas dos bichocos, o composteiro máxico, o Pictionary da Terra Máxica e o labirinto dos sentidos dos bichocos.

Todas estas actividades lúdicas están supervisadas polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), co que a Deputación ten asinado un convenio para dar a coñecer a compostaxe ás e aos máis pequenos co fin de que se conciencien da importancia de xestionar os residuos dunha maneira sustentable. Habitualmente alumnos e alumnas convírtense en perfectos profesores das súas familias cando chegan ás casas, onde convencen aos adultos do seu arredor da necesidade de coidar o medio ambiente.

Deja un comentario