+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

Persoal do concello de Gondomar, formado en compostaxe polo Plan Revitaliza


Catro funcionarios recibiron hoxe os diplomas que os acreditan en educación ambiental

O Concello de Gondomar ten xa persoal formado en compostaxe polo Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematou o ‘Curso básico de compostaxe e información ambiental’ impartido durante o mes de xaneiro e os últimos días, cunha parte práctica e unha teórica.

Os formadores responsables foron o técnico Carlos Manuel Pintos Estévez e a técnica Estefanía Alfonsín Moraña, supervisores do Revitaliza na zona do Val Miñor. Eles explicaron o temario sobre os residuos e a súa lexislación, a definición da compostaxe (como se realiza o proceso, os materiais necesarios, os parámetros e as medicións necesarias), así como tamén as diferencias entre a compostaxe individual e a comunitaria e a aplicación do compost.

Unha vez coñecida a teoría sobre a parte máis burocrática da compostaxe e a parte biolóxica e relacionada coa natureza,os asistentes ao curso realizaron as prácticas operativas para saber como se debe xestionar un centro de compostaxe comunitaria e coñeceron as claves para a resolución dos posibles contratempos ao facer o compost. Os participantes (Juan Ramón Alonso Martínez, Belarmino López Comesaña, José Luis Abraira Arias e Brais Misa García) recibiron hoxe os seus diplomas da man dos mestres e mestras composteiras que traballan habitualmente na zona.
A día de hoxe, no Concello de Gondomar están operativos dous centros de compostaxe comunitaria, o recén instalado no Parque das Ánimas, e outro nas inmediacións do supermercado Froiz, funcionando de forma moi satisfactoria. Neste último centro lévanse xestionado dende a súa posta en marcha máis de 31 toneladas de residuos orgánicos e restos vexetais, e producido 31 lotes de compost.
Así mesmo, o Concello acaba de recibir por parte da Deputación 88 composteiros individuais para casas con horta que serán repartidos próximamente entre a veciñanza. Tamén existen composteiros individuais específicos para produtores singulares nos centros educativos de Educación Infantil Souto Donas e no IES Terra de Turonio, no que hai unha implicación do alumnado moi importante.

Deja un comentario