+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

Os alumnos do IES Soutomaior presentan as súas Brigadas Ecolóxicas xuvenís


A iniciativa pretende aumentar a conciencia ambiental entre o alumnado do centro
Máis de 200 alumnos do IES Soutomaior asistiron esta mañá ao comezo do proxecto educativo “Brigadas Ecolóxicas”. Un programa impulsado polas concellerías de Educación e Xuventude e o Departamento de Bioloxía do centro no que unha quincena de alumnos de 1º da ESO fomentarán a conciencia ecolóxica entre os seus compañeiros mediante diversas actividades.
O proxecto pretende fomentar entre o alumnado as condutas responsables co medio ambiente a través das interaccións entre o propio alumnado. Para iso, os integrantes da brigada ecolóxica exercerán de guía para os seus compañeiros á hora de depositar os residuos nos contedores adecuados, resolver dúbidas sobre a reciclaxe e distribuír información sobre as campañas específicas de reciclaxe, como a que actualmente se está desenvolvendo no instituto coas pilas e baterías.
Durante o acto desta mañá, os integrantes da brigada ecolóxica presentaron á mascota do proxecto, “ Basurilla”. Un boneco realizado polos alumnos cos residuos máis habituais que producen no centro educativo e que quere representar a cantidade de residuos que xeramos coa nosa actividade diaria e sobre os que non chegamos a ter conciencia.
As actividades da brigada ecolóxica levarán a cabo ata o final de curso e incluirán campañas específicas entre o alumnado, como a repartición de bolsas de papel na cafetería do centro, coas que poñerán en relevancia o impacto ambiental do seu centro educativo e fomentarán medidas para reducilo.
A edil de educación, Fátima Vidal, destacou que a gran vantaxe desta clase de iniciativas é “que traballa a concienciación dos alumnos a través dos propios compañeiros, fomentando non só os bos hábitos persoais, senón tamén as condutas de grupo responsables co medio ambiente”, finalizou a edil.
Esta iniciativa ambiental únese ás xa desenvolvidas polo Concello de Soutomaior no centro educativo, como a instalación de composteiros e contedores para fomentar a reciclaxe, as plantacións de árbores realizadas en zonas sensibles do municipio e as diversas charlas e actividades de concienciación promovidas durante o horario lectivo dos alumnos.

Deja un comentario