+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020

O Concello reúnese ca directiva da CCMM de Ardán para avaliar o funcionamento da EDAR de Pastoriza


A depuradora rexistrou uns picos de contaminación que afectaron a catro traídas veciñais das doce ás que da servizo. Os controis mostran na actualidade valores normalizados, aínda que seguirá a intensificarse a vixiancia

A alcaldesa, María Ramallo, acompañada dos concelleiros Manuel Santos, Marián Sanmartín e Pablo Novas, volveu a manter unha reunión coa directiva da Comunidade de Montes de Ardán, co fin de atender a súa preocupación polo funcionamento da EDAR e explicar as medidas que se levaron a cabo nesta estación, co fin de que o seu funcionamento sexa o correcto.

Esta depuradora é a única ca que conta o municipio, xa que o saneamento de todo o resto da vila acaba na depuradora ubicada en Praceres. A EDAR de Pastoriza está pensada para dar cobertura a un núcleo de 102 habitantes, sendo as súas dimensións as correctas para esta demanda. Así a todo, ultimamente os veciños veñen detectando nas análises, unha serie de anomalías na depuración das augas das súas traídas veciñais. Segundo indicaron, das 12 traídas existentes, esa contaminación apreciouse en 4.

En canto o Goberno local tivo coñecemento desta problemática fai aproximadamente un ano, intensificou os controis e o equipo técnico do Concello realizou as analíticas pertinentes a través dunha empresa acreditada, para coñecer máis a fondo o por que destes problemas na depuración das augas. Os resultados mostraron uns picos anómalos, sobre todo no mes de setembro, que fai sospeitar que se realizaron verquidos non domésticos na EDAR.

Despois de coñecer estes resultados, o Concello aumentou a vixiancia e os controis hidráulicos na estación. As seguintes analíticas foron desvelando unha tendencia normal nos valores, que se foron regularizando. Así a todo, o Concello comprometeuse ca CCMM a continuar realizando unha vixiancia exhaustiva e a seguir facendo analíticas de control, sobre todo nas catro traídas afectadas, ate que non haxa rastro de contaminación na auga.

Deja un comentario