+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020

A Xunta destaca o papel dos voluntarios de Protección Civil para reforzar os servizos de emerxencia


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da nova sede da AVPC da Rúa
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou hoxe na inauguración da nova sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) do concello da Rúa, onde destacou o importante traballo destes voluntarios no reforzo dos servizos de emerxencias da nosa comunidade. Ao acto tamén acudiron representantes das principais AVPC da comarca de Valdeorras

Santiago Villanueva destacou a labor altruísta que demostran no seu traballo do día a día os membros desta entidade creada hai case tres décadas e que conta con 38 efectivos. A AVPC da Rúa forma parte das 73 que conforman a rede de Protección Civil na provincia de Ourense. Nesta liña, indicou que coa súa colaboración, tanto en tarefas de prevención como nas intervencións, contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns na defensa da súa seguridade e na atención ás emerxencias.

O director xeral de Emerxencias sinalou que a colaboración cos concellos coa dotación dun equipamento adecuado aos servizos municipais de emerxencias permite que poidan realizar o seu traballo nas mellores condicións e garantir a seguridade dos seus efectivos e, por ende, dos seus veciños.

Os membros das agrupacións de Protección Civil reciben formación no ámbito das emerxencias, que se leva a cabo tanto de forma centralizada nas instalacións da AGASP como descentralizada en todas as provincias co obxectivo de achegar os cursos aos voluntarios e facilitarlles a súa participación. Villanueva incidiu na necesidade da formación e prevención no eido das emerxencias para ofrecer aos cidadáns a resposta máis eficaz ante calquera incidencia.

Deja un comentario