+034 986 09 02 04 Xoves 02 de Abril de 2020

Lete Lasa celebra os 75 anos do Teucro: “referente no patrimonio deportivo de Galicia e de España”


 “Compartimos paixón e compartimos a forma de facer as cousas, coa vista posta nos novos retos aos que se enfronta o noso mundo: sustentabilidade da competición, protección do deportista e xeneralización da práctica e do amor polo deporte”, di

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no serán de hoxe dos actos conmemorativos do 75 aniversario da Sociedade Deportiva Teucro. No acto celebrado na pontevedresa Casa das Campás, o mandatario galego lembrou as circunstancias que se vivían no mundo cando naceu, en 1945, o Teucro. Lete Lasa describiu a xénese do Teucro como “algo extraordinario” e que o paso dos anos converteu nun “nome e un referente no patrimonio deportivo de Galicia e de España”.

Nas súas verbas, o secretario xeral gabou o traballo de “xeracións de persoais, de directivas e de corpos técnicos e, por suposto, de socios e afección” que son as testemuñas directas de “75 anos de traballo e de compromiso co deporte e cunha forma de entender as cousas, tenacidade, perseveranza e confianza”.

Cara a fin do seu relatorio, o responsable da carteira de Deporte garantiu o apoio da Xunta de Galicia que “acompañará ao equipo coa mesma ilusión, rigor e respecto”. “Compartimos paixón e compartimos a forma de facer as cousas, coa vista posta nos novos retos aos que se enfronta o noso mundo: sustentabilidade da competición, protección do deportista e xeneralización da práctica e do amor polo deporte”, sentenciou.

Deja un comentario