+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020

O Concello de Vigo poderá investir os 15 millóns do seu superávit de 2019


Abel Caballero puxo cifras aos acordos conseguidos polo alcalde e presidente da FEMP na Comisión Nacional de Administración Local celebrada este luns en Madrid, da que fixo unha valoración “extraordinaria”. Os quince millóns do superávit vigués de 2019 serán investidos este e o próximo ano, e o Concello contará con 250.000 euros máis de dispoñibilidade orzamentaria

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias, Abel Caballero, participou este luns en Madrid na reunión da Comisión Nacional de Administración Local, xunto ás ministras de Política Territorial e Función Pública, Carolina Darias, e de Facenda, María Jesús Montero.

Para Vigo, os acordos acadados na CNAL significarán a garantía de investir o superávit obtido polo Concello o pasado ano, uns quince millóns de euros, nos exercicios de 2020 e 2021. O Goberno de España aprobará un decreto lei para facelo posible -dando así resposta afirmativa á principal demanda exposta por Abel Caballero como presidente da FEMP- e trasladará aos concellos unha proposta que ampliará o abano de opcións nas que investir este superávit.

Por outro lado, o Goberno de España trasladou que o obxectivo de regra de gasto municipal para este ano ascende ao 2,9%, o que supón para Vigo un cuarto de millón de euros máis de dispoñibilidade orzamentaria, segundo explicou Abel Caballero. O resto de obxectivos para 2020, engadiu, son o equilibrio orzamentario e un 1,9% do PIB para a débeda, o que os concellos xa cumpren para este 2019.

Con respecto ao IVE pendente, que para Vigo supón dous millóns, houbo un “avance singular” na Comisión deste luns para as cidades, pois “nos deixan utilizalo, exactamente igual que ás Comunidades Autónomas, en teito de gasto e en equilibrio orzamentario”. O alcalde avanzou que elevará ao Goberno de España unha proposta adicional que o Ministerio de Facenda estudará, baseada nos 25.000 millóns de euros de remanentes que totalizan as entidades locais, o que ofrece un “marxe de manobra no IVE que as comunidades non teñen”.

O Goberno de España, informou o tamén presidente da FEMP este martes, comprometeu onte “celeridade” na aprobación do imposto de plusvalía, instando ao Parlamento a aceleralo. Ademais, e ante os xuros bancarios negativos, o alcalde propuxo ao Estado abrir unha liña de desconto do Banco de España sen pagar xuros ou “algunha fórmula para utilizar os remanentes” municipais, co que se obtén “outro aforro adicional”.

A valoración da reunión da CNAL é “extraordinaria” para Caballero, posto que “o Goberno de España nos dá máis marxe para poder funcionar”, o que contrapuxo á Xunta de Galicia, que esixe por lei á cidade de Vigo o copago, por exemplo, de centros de día e escolas infantís de titularidade e “competencia” autonómica. Na Comisión de onte, “todo o que propuxemos tivo resposta ou moi satisfactoria ou con expectativas de converterse en moi satisfactoria”, aplaudiu o alcalde.

Deja un comentario