+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación impulsa a produción de froitos do bosque con 12 novos cursos no mes de marzo a través do programa “Depofroitos”


O proxecto, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) e a Fundación Biodiversidad, ten por obxectivo o fomento do emprego e a formación

Impulsar as producións de froitos do bosque de calidade en terreos de cultivo abandonados coa finalidade de mellorar a empregabilidade das e dos habitantes de zonas Rede Natura da Provincia de Pontevedra e do Principado de Asturias, é o obxectivo fundamental do proxecto “Depofroitos”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, que comezará a súa andaina durante o mes de marzo con accións formativas en 12 concellos da provincia.

O programa é cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a fundación Biodiversidade a través do Programa Empleaverde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade.

En concreto, haberá un total de 12 accións en diferentes puntos da provincia durante o mes de marzo. Así, o día 2 realizarase un taller en Cuntis, o 4 na Estrada, o 6 en Silleda, o 9 en Ponteareas, o 11 no Rosal, o 13 en Salceda de Caselas, o 16 en Marín, o 18 en Vilaboa, o 20 en Meaño, o 23 na Cañiza, o 25 en Nigrán e o 27 na Lama.

A través dunha experiencia innovadora de formación e acompañamento, as persoas desempregadas e traballadoras que vexan na explotación de froitos do bosque unha oportunidade económica coñecerán as oportunidades de negocio que ofrece o emprendemento neste sector, en base a unha aprendizaxe áxil e adaptativa que responda as necesidades e intereses das ideas das persoas participantes mediante un modelo de transferencia de información prácticas e diagnóstico, que se desenvolverá ó longo de todo o proceso de asesoramento.

Profundarase especialmente en como emprender no sector dos froitos do bosque, fomentando a creación de ideas que promovan o desenvolvemento sustentable en zonas despoboadas e rurais que ofrezan solucións creativas e innovadoras aos retos socio-ambientais actuais e opcións sustentables de usos e prácticas que melloren a relación do ser humano co planeta, así como facilitar a comercialización das producións e crear unha agrupación comercial de froitos do bosque.

Ademais, promoveranse outras actividades: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos. Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (email, teléfono e WhatsApp).

Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados polos consumidores, piden pouco terreo para a súa produción e teñen un custe inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.

Deja un comentario