+034 986 09 02 04 Sábado 19 de Setembro de 2020

O Concello proxecta a mellora viaria con ensanchamento e embelecemento patrimonial do Camiño do Quinteiro


A obra adiouse pola necesidade de acadar permiso de Patrimonio pola protección existente sobre diversos elementos catalogados

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten todo listo para emprender unha importante mellora viaria, que inclúe ensanchamento, así como diversas actuacións de embelecemento e preservación do patrimonio no histórico Camiño do Quinteiro, na parroquia cerdedense de Tomonde. Esta actuación, que conta cun orzamento de 100.481 euros e está financiada ao abeiro do Plan Concellos, vén de ser adxudicada á empresa Manuel Pérez Portela , tras o correspondente concurso público, para a súa execución nos vindeiros seis meses.

Cómpre sinalar que esta obra, prevista para o pasado exercicio, tivo que adiarse xa que o proxecto, que contemplaba o arranxo dos 150 metros do camiño e o seu ensanchamento ata os
8,50 metros, afectaba ás contornas de protección de diversos elementos catalogados pola
Dirección Xeral de Patrimonio.

Por elo, tivo que cursarse a correspondente solicitude de autorización a este organismo autonómico, que permitíu a actuación con diversos condicionantes que melloran a súa integración no núcleo rural. Basicamente, as esixencias pasan pola mellora do acabado e o emprego de materiais máis nobres, polo que optouse por intercalar franxas de adoquíns e de áridos nos laterais da vía para embelecer o resultado final.

Así mesmo, e como segunda gran novidade, incorporouse a este proxecto a creación dunha zona verde e de lecer que estará acondicionada coa dotación de céspede artificial, catro árbores de sombra con cepellón e un banco de formigón con asentos en madeira tropical tratada. Cómpre sinalar que a introdución destas dúas esixencias por parte de Patrimonio non supuxo a modificación do orzamento inicial.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por levar a bo porto unha “obra importante que vén de ser mellorada polas aportacións de Patrimonio e que asumimos con gusto, xa que claramente farán que a solución adoptada para o Camiño do Quinteiro sexa máis acaída e incremente a calidade de vida da veciñanza”.

Deja un comentario