+034 986 09 02 04 Venres 21 de Febreiro de 2020

A Xunta destaca a importancia do traballo dos Voluntarios das Agrupacións de Protección Civil na atención ás emerxencias


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe a agrupación de Santiago de Compostela para coñecer de primeira man as actuacións que leva a cabo

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, puxo hoxe en valor o importante labor que realizan de forma altruísta os membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) na atención ás emerxencias para garantir a seguridade da cidadanía.

Así o destacou durante a súa visita á AVPC de Santiago de Compostela, onde coñeceu de primeira man o seu funcionamento e o traballo que leva a cabo. Entre as súas actuacións figura a colaboración na prevención, apoio e cobertura en grandes eventos e concentracións con aglomeracións de persoas.

Tamén se encargan da prevención, promoción, divulgación, información e socorro aos peregrinos que realizan as diferentes rutas do Camiño de Santiago. Os voluntarios ocúpanse de patrullar as rutas que pasan polo seu termo municipal e concellos limítrofes e prestar atención personalizada aos camiñantes en coordinación co Centro de Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia ao que informan da súa actividade.

As súas funcións neste ámbito inclúen o traslado de peregrinos feridos ou enfermos, a asistencia de primeiros auxilios, a busca de persoas ou obxectos, a protección fronte fenómenos meteorolóxicos adversos, así como a revisión do estado e da sinalización dos distintos tramos.

Santiago Villanueva incidiu no papel dos voluntarios das AVPC para reforzar os servizos de emerxencias tanto nas tarefas de prevención como na súa colaboración nas distintas intervencións. Por iso, agradeceu o compromiso e xenerosidade que demostran no seu traballo do día a día os membros das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Galicia, como a de Santiago de Compostela, para velar pola seguridade dos seus veciños.

Tamén sinalou a importancia da formación dirixida aos integrantes destas agrupacións para que estean o mellor preparados posibles e poidan prestar unha resposta eficaz ante calquera incidencia. As actividades formativas lévanse a cabo tanto de forma centralizada desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) como descentralizada en diferentes concellos para facilitar a participación dos voluntarios nos cursos.

Deja un comentario