+034 986 09 02 04 Venres 14 de Agosto de 2020

A XI Festa do Petote ofrece 600 prazas nos nove restaurante colaboradores e xa roza o 50% de ocupación polas reservas


A festa comezará o domingo ás 12.00 horas e incluirá unha sesión vermú co concerto de A Tajea, pregón de Óscar Ibáñez e xogos infantís
A XI Festa do Petote, organizada polo Concello de Cerdedo- Cotobade, vaise celebrar este domingo, 16 de febreiro, con actividades de rúa na Praza da Chan e un xantar a base de cocido en nove restaurantes colaboradores de todo o municipio, que ofrecen un total de 600 prazas de comensais e que xa rozan o 50% de ocupación para esta data festiva polas reservas realizadas ata a data. Estes datos foron revelados esta mañá na presentación da cita gastronómica, realizada polo alcalde, Jorge Cubela, e os concelleiros Fernando Vázquez e Javier Lois, que se encargan da coordinación da festa e das labores de Protección Civil, respectivamente.

O programa arrancará ás 12.00 horas deste domingo cun vistoso desfile de comparsas polas rúas de Carballedo no que participarán as tradicionais madamitas e folións e As Flores do Carnaval antes de que se dea lectura ao pregón, recuperando deste xeito unha actividade propia das seis primeiras edicións desta cita gastronómica. Nesta ocasión, o gaiteiro Óscar Ibáñez, moi vencellado ao municipio nas homenaxes anuais a Ricardo Portela e nas actividades do Ano Antonio Fraguas, será o protagonista deste acto.

A continuación, haberá sesión vermú con degustación gratuíta de petote e outros produtos do Entroido na que se repartirán máis de 300 petiscos nos postos habilitados na Praza da Chan; animación musical co concerto do grupo A Tajea; e inchables e outros xogos para os máis cativos. Ante a previsión de choivas, o Concello ten previsto colocar unha carpa de grandes dimensións para garantir a exaltación e todas as actividades.

En canto á degustación do tradicional Cocido de Entroido con petote, as persoas interesadas poden seguir facendo as súas reservas nos nove establecementos participantes, que son os seguintes: A de Tucho (Augasantas-670 971 785), A Raxadal (Carballedo-986 760 018), Casa Blanco (Rebordelo-645 922 995), Casa Inés (Carballedo-986 760 003), A Vosa Taberna (Borela-986 763 126), O Novo Chiringuito (Valongo-680 344 004), Espigueiro (Cerdedo-678
719 030), O Meu Lar (Cerdedo-687 393 141) e Restaurante Davi (Quireza-606 774 141). O menú estará composto de cocido completo con petote, postre e bebida a un prezo unificado de 20 euros por persoa en todos os establecementos.

O alcalde, Jorge Cubela, explicou que “o ano pasado optamos por impulsar e modernizar a festa, diversificándoa e extendéndoa a todo o territorio e mantendo o xérmolo en Carballedo con degustación e actividades de rúa que a fan máis próxima aos veciños, e a verdade é que foi un éxito absoluto, polo que imos repetir con esta organización”. Ademais, destacou a importancia do retorno económico que este novo formato xenera nos restaurantes e animou á veciñanza do municipio e doutros concellos a facer as súas reservas de praza canto antes para poder gozar deste cocido de Entroido con petote.

Deja un comentario