+034 986 09 02 04 Xoves 15 de Novembro de 2018

Cores Tourís visitou as obras de mellora do asfaltado na PO-532 entre a glorieta da Hermida e o Polígono do Campiño/Reigosa


Os traballos realízanse ao longo de 3.32 km cun orzamento que ascende a 253.218 euros

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou xunto con xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez, as obras de mellora do asfaltado da PO-532.

Os traballos realízanse ao longo de 3.32 km entre os concellos de Pontevedra e Ponte Caldelas, dende a glorieta Pk 3+030 na Hermida ata a glorieta Polígono O campiño/Reigosa Pk 6+350 cun orzamento total de 253.218 euros. A obra comprende diversas actuacións que consisten en fresar zonas puntuais con maior nivel de fisuración, adoptando un espesor medio de fresado de 5 cm, para posteriormente aplicar, tanto nestas áreas como na totalidade da plataforma, 5 cm de formigón bituminoso.

Na PO-542 tamén estanse a executar estas tarefas de mellora dende a glorieta Pk 3+220 na Hermida ata a glorieta Pk 5+580. Consiste nun tramo cunha lonxitude 2.36 km para o que se destinan aproximadamente 159.055 euros.

Segundo explicou o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra “en ambas estradas existía un alto nivel de fisuración debido principalmente ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados, xa que se atopan preto do polígono industrial do Campiño/Reigosa”. “Nalgúns tramos observábase tamén un importante esgotamento estrutural do pavimento debido en parte á acción erosiva da filtración da auga no firme” engadiu Fausto Núñez.

A Axencia Galega de Infraestruturas é a encargada de executar este conxunto de reparacións estruturais e superficiais que permiten prolongar a vida útil do pavimento destas estradas. “Mediante reparacións puntuais e localizadas se busca diminuír a posibilidade dun deterioro exponencial do firme da calzada así como unha mellora importante na seguridade, nas actuais prestacións e na comodidade dos usuarios, permitindo a continuidade dos actuais itinerarios” explicou Cores Tourís.

O delegado territorial destacou a importancia destas obras de mellora da seguridade viaria, “xa que estamos a falar dunha estrada que soporta un importante número de vehículos ao día” na que “unha adecuada señalización e a sustitución de barreiras de seguridade eran necesarias” engadiu.

Deja un comentario