+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra colabora na quinta edición do concurso “Balbino” de relatos para a promoción da creación literaria en galego


 

O certame ten un único premio de 1.500 euros e está dirixido a persoas de todas as idades, que deberán presentar obras inéditas que deben ter como temática o mar, o rural e a emigración

No marco da súa aposta por dinamizar a creación literaria en galego, a Deputación de Pontevedra colabora un ano máis na convocatoria do Concurso “Balbino” de Relatos, que este ano chega a súa quinta edición e que naceu para a promoción da literatura e a lingua galegas, así como dos novos talentos na escrita e de autores xa consagrados. Este certame está promovido pola empresa Técnicas & Gramaxe e Edicións Fervenza, conta coa conformidade da Fundación Neira Vilas.

O concurso, que está dotado cun único premio de 1.500 euros, amais da publicación da obra gañadora por Edicións Fervenza, está aberto a persoas de todas as idades e nacionalidades, que deberán presentar obras orixinais e inéditas en galego coa temática do rural, o mar ou a emigración. O relato ou serie de relatos con estes temas poderá ser real ou de ficción e os textos deberán ter unha extensión mínima de 100.000 caracteres con espazos e máxima de 180.000.

Os orixinais poden enviarse por correo postal ou electrónico. No primeiro caso, presentaranse cinco copias en papel DINA4 debidamente encadernadas, o texto levará un título e estará asinado cun lema. Nun sobre pechado aparte, levará fóra o título e dentro o nome, apelidos, copia do DNI, enderezo residencial e electrónico e teléfono do autor o autora. No caso de optar polo envío por e-mail, o arquivo debe remitise en formato pdf e tamén é necesario que envíen por correo postal e en sobre pechado os datos persoais. En calquera modo de envío non levará ningún dato que identifique ao autor o autora, e deberá indicarse claramente que é para participar no Concurso “Balbino” de Relatos. O texto será enviado ao enderezo: Técnicas & Gramaxe SL, rúa Santa Olaia 18-36540 Silleda (Pontevedra) ou ao enderezo electrónico concursobalbino@gmail.com.

A data de presentación dos traballos rematará o 30 de xuño e a entrega do premio terá lugar no último trimestre do ano. O xurado do concurso estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio do mundo da literatura e da cultura galega.HN <

Deja un comentario