+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra aproba as bases das axudas para o alumnado do programa “Labora 2020”


 

Esta iniciativa que ten por obxectivo mellorar a formación e a integración das persoas desempregadas en situacións vulnerables

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as bases do programa de axudas económicas para o alumnado do proxecto “Labora 2020”, destinadas a cubrir os gastos referidos á asistencia, formación, transporte, manutención, aloxamento e conciliación de familiares, cun importe de 906.261 euros.

Labora 2020, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, “pretende a posta en marcha de itinerarios integrados encamiñados á obtención de certificados de profesionalidade e á mellora da empregabilidade das persoas desempregadas”, tal e como resaltou Carmela Silva. “Ademais, faise con propostas sobre os sectores con maiores oportunidades de crecemento e creación de emprego”. O proxecto está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil, persoas maiores de 55 anos, persoas co certificado de discapacidade, inmigrantes, minorías étnicas ou comunidades marxinadas, outros colectivos desfavorecidos e persoas en situación de vulnerabilidade.

A día de hoxe están pechadas as datas para os cursos de “Competencias Clave Nivel 2”, “Actividades auxiliares de almacén”, “Operacións básicas restaurante e bar”, “Limpeza de superficies e mobiliario en edificios”, “Dinamización de actividades de tempo libre” e “Socorrismo en instalacións acuáticas”. Estes cursos terán lugar nos concellos de Pontevedra, Vigo, O Porriño, Vilagarcía, Cangas, Lalín, Barro e Cambados e comezarán a partir do 16 de marzo.

Mais estes non son os únicos cursos que a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha no marco deste “Labora 2020”. A institución provincial segue a traballar noutros obradoiros como “Competencias clave para a obtención do nivel 2 (lingua castelá, lingua galega e matemáticas)”, “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”, “Atención sociosanitaria a persoas dependentes no domicilio”, “Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil”, “Xestión de chamadas de teleasistencia” e “Docencia da formación profesional para o emprego”, entre outros. Estes cursos desenvolveranse nos concellos da Guarda, Barro, Cambados, Cangas, Lalín, Mos, Moaña, O Grove, O Porriño, Ponteareas, Pontevedra, Soutomaior, Tomiño, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

Deja un comentario