+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

Un total de dezanove empresas presentan as súas ofertas para executar unha senda peonil e ciclistas entre Coirados e Pardavila, en Marín, cun investimento autonómico de 720.000 euros


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza na contratación destas obras, xa licitadas, ás que se destina un investimento autonómico de 720.000 euros

Un total de dezanove empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar o itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-313, entre Coirados e Pardavila, no concello de Marín.
Esta actuación, incluída no Plan de Sendas de Galicia na comarca do Morrazo conta cun orzamento autonómico duns 720.000 euros.
Trátase da execución dun itinerario duns 2 quilómetros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta PO-313, dende a saída de Marín e conectando coas beirarrúas existentes ata Pardavila, no punto quilométrico 3+300, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín.
A intervención comezará polos primeiros 15 metros desta estrada, no punto quilométrico 1+380, onde se executará unha pequena plataforma para salvar o rego existente. A partir dese punto, a sección tipo constará dunha senda en formigón coloreada de 1,8 m de ancho medio, aproveitando nalgún tramo intermedio a beirarrúa existente.
Como obras complementarias, e necesarias para unha funcionalidade e seguridade dos usuarios da senda, poden destacarse a instalación dunha nova rede de drenaxe e a mellora da intersección existente no punto quilométrico 2, coa execución dun carril central e dun cambio de sentido.
Os obxectivos prioritarios desta actuación é incrementar a seguridade dos veciños nos seus desprazamentos cotiás e promover unha mobilidade máis sustentable.
Cómpre sinalar que esta actuación, enmarcada no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, no que a Xunta contempla 8 itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe, que foron definidos en 7 proxectos de construción que suman case de 9,2 km de sendas cun orzamento que supera os 4,5 millóns de euros. Todas as actuacións son cofinanciadas con Fondos FEDER 2014/2020.

Deja un comentario