+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020

Sonsoles Ónega afirma en Lalín ante decenas de miles de persoas que a Feira do Cocido é a “feira gastronómica máis grande do mundo” e di “estar desde hoxe en eterna débeda co pobo de Lalín: alí onde vaia defenderei o cocido”


“Podedes sentirvos orgullosos, Corporación Municipal de Lalín, lalinenses todos; síntome orgullosa como pregoeira porque ningunha festa gastronómica, ningunha, alcanzou tal distinción”, subliñou

• A escritora e xornalista que dixo ser “neta adoptiva de Lalín” e vir a Lalín para “render homenaxe ás xentes do campo que facedes este prodixio de cocido”, indicou que “ao Cocido de Lalín hai que facerlle unha “homenaxe diaria, unha ofrenda perpetua”

• “O porco de Lalín é un país enteiro; o mellor país do mundo”, “o país coa mellor receita contra a desigualdade (…)”, sostivo

• “O cocido non ten oposición; é un cocido por unanimidade”, aclamou

• A celebración da Gala da Gastronomía de Galicia cun carácter solidario; a recuperación da Encomenda do Cocido como ferramenta de difusión e promoción da Feira; a presenza de varios Entroidos tradicionais galegos no desfile de carrozas e comparsas; dunha concentración moteira internacional “Motococido” o 6, 7 e 8 de marzo ou da única proba puntuable de España do Campionato Mundial de Enduro do 24 ao 26 de abril son algunhas das novidades desta 52ª edición que vén de ser recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional

Domingo, 16 de febreiro de 2020

“Desde a lingua universal da emoción, desde a emoción máis profunda e desde este micrófono, veño pregoar o cocido da vosa terra (…), a Feira Gastronómica máis grande do mundo”. “Vaia responsabilidade! Responsabilidade de estar á altura de Lalín, do seu sagrado cocido e de todas as súas xentes”. Con estas palabras comezou o pregón da LII Feira do Cocido a xornalista e escritora, Sonsoles Ónega. Unha Feira na que participaron decenas de miles de persoas e que vén de ser recoñecida como a primeira festa gastronómica de España declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

Sonsoles Ónega, que empregou o galego en diversas ocasións ao longo da súa intervención, definiuse como “neta adoptiva de Lalín -que máis podo pedir da vida!-” e subliñou que “eu veño render homenaxe ás xentes do campo que facedes este prodixio de cocido: aos labradores …; aos que criades con amor de pai o porco…; a ti muller, alma do campo de Galicia, á que muxe ás vacas, coida a casa, fai familia e fai país; á que tiritando recolle os grelos nas mañás xeadas e chuviosas (…)”.

No seu emotivo pregón referiuse a Lalín como “o corazón de Galicia… o seu centro mesmo, o seu Kilómetro Cero, e o corazón do cocido galego” ao tempo que destacou que nesta edición de 2020 e tras 52 anos “esta Feira alcanza o cumio do recoñecemento: Festa de Interese Turístico Internacional”. “Podedes sentirvos orgullosos, Corporación Municipal de Lalín, lalinenses todos; síntome orgullosa como pregoeira porque ningunha festa gastronómica, ningunha, alcanzou tal distinción”, dixo.
Para comparar o gran salto cualitativo que a Feira do Cocido colle con esta distinción de Internacional, Sonsoles Ónega contou unha ilustrativa anécdota relacionada co cardeal ourensán Fernando Quiroga Palacios que “fixo unha carreira tan rápida, de bispo de Mondoñedo a arcebispo de Compostela e de aí a cardeal que un día un veciño, paseando polo seu pobo (Maceda) achegóuselle e díxolle: Ai, don Fernando! Como siga así vai chegar a Deus”. “Pois o mesmo -subliñou- pasa co Cocido de Lalín: como siga así vai chegar a Deus, se non chegou xa. Polo menos, a deus con minúscula. Por iso eu creo que honralo unha vez ao ano paréceme pouco (…). Pois pactemos unha homenaxe mensual ao cocido. Que digo mensual? Unha homenaxe diaria. Hai que facerlle unha ofrenda perpetua”.

A periodista e escritora, que incluíu no seu pregón referencias literarias a autores galegos como ao primeiro pregoeiro da Feira, Álvaro Cunqueiro, ou a Luis Pimentel, afirmou que “o porco de Lalín é un país enteiro; o mellor país do mundo”, “o país coa mellor receita contra a desigualdade: en tempos de desigualdades, cocido de ricos e pobres. Transversal, que agora se di”. E proseguiu: “o cocido non ten oposición; é un cocido de unanimidade”, ao tempo que bromeou que habería que enviar un cocido, de almorzo, ao Congreso dos Deputados “todos os mércores á sesión de control”, “outro (incluso do que quede de hoxe) á Zarzuela que o martes o Rei Felipe vai presidir o Consello de Ministros e quen sabe se vai necesitar templar gaitas” e un “terceiro cocido mandaríao á illa de <Supervivientes>”.

TERRA DE PROMISIÓN, Á QUE SEMPRE VOLVER, COMBINACIÓN DE SERVIZOS, INDUSTRIA E TALENTO
“Quero pedirvos -isto dígoo moi en serio- que sigades facendo desta terra un exemplo de territorio sostible, como tamén se di agora, pero sobre todo, sostido pola súa prodixiosa combinación de servizos, industria e talento. É unha terra de promisión, á que sempre volver”. E citou un verso de Luis Pimentel: “Os anos pasan rápidos – os días, lentos” para defender “a bendita lentitude dos días nos vosos montes infinitos, nos vosos ríos, nas vosas máxicas carballeiras! Cando as cousas son así, non hai terra que se baleire. Entre vós unha entende porqué hai enfermidades que a Lalín non lle aflixen. Lalín non necesita reivindicar que existe. Non vos deixedes seducir polas grandes cidades!”, proclamou.

E rematou facendo unha confesión: “é aquí e por aquí onde unha conserva os mellores recordos das primeiras miradas ao mundo. Non tiven máis universo nin máis soño que o de volver. Nunca imaxinei que o faría así, tocada por esta capa de pregoeira do voso cocido”. “Desde hoxe estou en eterna débeda co pobo de Lalín (…). Alí onde vaia pregonarei o cocido da vosa terra, Lalín”.

 

Esta 52ª da Feira, que reuniu en Lalín a decenas de miles de persoas, e que tivo como cartelista ao pintor e escultor vivo máis importante do país, Francisco Leiro, celébrase tendo entre os seus retos para vindeiras edicións os de levar ao Cocido ao nivel de excelencia; aproveitar as sinerxías que se producen para que o turismo gastronómico aparellado á Feira se convirta nun puntal económico de primeiro nivel e o de desestacionalizar o cocido a todo o ano, tal como apunta, o alcalde lalinense, José Crespo.

Entre as novidades deste ano destacan a celebración da Gala de Gastronomía de Galicia cun carácter solidario -na noite do venres, retransmitida pola TVG e na que se nomeou a Bertín Osborne como Comendador do Cocido-; a recuperación da Encomenda do Cocido como ferramenta de difusión e promoción do Cocido que incorpora 7 novos Comendadores; a celebración de varios concertos e actuacións musicais durante a fin de semana para dinamizar e atraer aínda maior número de público e visitantes ou a presenza de varios Entroidos tradicionais galegos no desfile de carrozas e comparsas do día grande da Feira.

Tamén destaca a celebración de novidosos eventos como o Motococido, unha concentración moteira internacional que terá lugar os días 6, 7 e 8 de marzo ou da única proba puntuable para o Campionato do Mundo de Enduro que acollerá Lalín do 24 ao 26 de abril.

7 NOVOS COMENDADORES
Os actos do Día Grande, domingo 16 de febreiro, deron comezo ás 10.30 horas na Casa Consistorial coa Encomenda do Cocido, na que nesta edición ingresaron sete novos integrantes: Sonsoles Ónega (pregoeira); o alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida; Benedicta Sánchez, Premio Goya 2020 á “Mellor actriz revelación”; o historiador e cronista dezao, Daniel González Alén; o catedrático de Nutrición e presidente da Fundación Española de Nutrición, Gregorio Varela; a xornalista e comunicadora lalinense, Amelia Ferreiroa e Yosi, líder de “Los Suaves”. O acto estivo presentado por Gúmer Portas e oficiou como escribán da Encomenda, Andrés Castro.

Ao finalizar o acto da Encomenda, a delegación encabezada pola pregoeira, Sonsoles Ónega; polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e polo alcalde, José Crespo, na que tamén participaron varios dos conselleiros da Xunta (o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o titular de Cultura e Turismo, o lalinense Román Rodríguez; o de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e Medio Rural, José González Vázquez); os Comendadores, e membros da Corporación municipal, na que abría paso a Asociación Cultural Carballo de Manteiga, procedeu á apertura da Feira e a visitar a Carpa do Cocido no Campo da Feira con produtos gastronómicos típicos de Lalín e artesanía.

A continuación a delegación dirixiuse ao palco da rúa Principal onde a pregoeira Sonsoles Ónega ofreceu o seu pregón, tras ser presentada polo alcalde lalinense. Seguiulle o desfile de charangas, comparsas e Entroidos tradicionais galegos foi presentado pola xornalista e comunicadora Belén Xestal.

Este ano o desfile de carrozas contou con sete carrozas e nove comparsas e agrupacións, e tivo como novidade a incoporporación de representación de cinco Entroidos tradicionais galegos: o Fulión de Mormentelos de Vilariño de Conso (os personaxes principais son os “boteiros” ou “mázcaras” e levan un cinto de “chocas”; xunto cos folións de Viana e Manzaneda son dos máis antigos); os Felos de Maceda (levan máscaras talladas en madeira e o seu atuendo é moi vistoso con chaquetiña con galóns dourados); os Villaróns de Riós (teñen traxes e máscaras peculiarios e moi vistosos); o Entroido de Samede, en Paderne (os personaxes, “máscaras” ou “bonitos” levan espectaculares sombreiros de plumas e cintas de cores) e o Entroido de Cores de Vilanova (composto de madamas e galáns cos seus bailes tradicionais acompañados por un grupo de gaiteiros).

Deja un comentario