+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

O goberno da Deputación aproba preto de medio millón de euros para que outros 3 concellos poidan contratar 40 persoas


A cuarta concesión da Liña 3 de Emprego do Plan Concellos beneficiará a Moraña, Pontecesures e Tomiño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a cuarta concesión de subvencións do Plan Concellos 2020 correspondentes á Liña 3 de Emprego, cunha achega de 463.526,05 euros para tres concellos da provincia, concretamente Moraña, Pontecesures e Tomiño. A presidenta provincial Carmela Silva informou que con esta cuarta relación “os tres concellos poderán contratar 40 traballadores e traballadoras”.

Deste xeito, coa achega da nova concesión, o concello de Moraña poderá contratar 7 persoas traballadoras, Pontecesures 9 e Tomiño 24. As persoas contratadas dedicaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais e son os propios concellos os que solicitan os postos a cubrir a través destas subvencións. A presidenta da Deputación explicou sobre algúns dos perfís solicitados que “se contratará peóns ou peoas de obra pública, de limpeza e de xardinaría, así como tamén monitores ou monitoras de servizos á comunidade ou ordenanzas”. A selección do persoal faise entre persoas desempregadas a través do Servizo Público de Emprego (SEPE) e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro do presente ano.

Máis polo miúdo, Moraña poderá contratará 3 peóns de obra pública, 1 condutor ou condutora de maquinaria forestal, 1 peón ou peoa de limpeza, 1 oficial de carpintería e 1 monitor ou monitora de servizos á comunidade. Pola súa banda, Pontecesures contará con 3 peóns de obra pública, 3 peóns de limpeza de edificios, 1 peón ou peoa de xardinaría, 1 auxiliar administrativo e un ordenanza. Finalmente, o concello de Tomiño empregará 4 peóns de xardinería, 1 carpinteiro ou carpinteira, 2 electricistas, 1 soldador ou soldadora, 2 albaneis, 1 mecánico ou mecánica de automoción, 2 técnicos ou técnicas administrativas, 1 especialista en psicoloxía, 8 peóns en xardinaría, 1 enxeñeiro ou enxeñeira e 1 condutor ou condutora de retroescavadora.

Ata o momento, ó abeiro da Liña 3 do Plan Concellos 2020 xa se aprobaron investimentos en concellos por valor de 4.031.569,82 euros que servirán para contratar un total de 424 persoas en 29 concellos da provincia. A liña de Emprego do programa de cooperación provincial ascende este ano a 9,5 millóns de euros.

Deja un comentario