+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A XI Festa do Petote enche 500 prazas nos restaurantes participantes e despacha 250 racións na degustación popular


As Madamitas e Folións de Valongo, As Flores de Carnaval, Os Afoutes do Canón de Pau e o grupo A Tajea animaron a chuviosa xornada  O gaiteiro Óscar Ibáñez, presentado polo alcalde Jorge Cubela, deu lectura ao pregón, centrado na música e nos valores do municipio
16 de febreiro de 2020.-A XI Festa do Petote, organizada polo Concello de CerdedoCotobade, encheu este domingo máis de 500 prazas nos nove restaurantes colaboradores, que serviron cocido de Entroido co típico bolo de millo destas terras, e despachou unhas 250 completas racións na degustación popular gratuíta celebrada á hora do vermú cun amplo programa de actividades na Praza da Chan.
A xornada foi bastante chuviosa, o que provocou cambios horarios nalgúns dos actos e ateigou ata a bandeira a carpa de grandes dimensións instalada polo Concello. Así, a festa arrancou cos xogos inchables para os cativos e o espectáculo musical e de baile a cargo de Os Afoutes do Canón de Pau e das Madamitas e Folións da parroquia de Valongo. Tan pronto como as precipitacións deron unha tregua, As Flores de Carnaval fixeron o seu vistoso, espectacular e animado pasarrúas polo centro da Chan acompañados das dúas formacións locais.
A continuación, procedeuse á lectura do pregón, recuperado despois de catro anos, da man do gaiteiro Óscar Ibáñez, que foi presentado polo alcalde, Jorge Cubela, que agradeceu a participación de todos os colaboradores da festa e introducíu ao músico, moi vencellado a Cerdedo-Cotobade e que vai ter un papel protagonista neste ano 2020, adicado a Ricardo Portela, o gaiteiro de Viascón, polo seu centenario. Óscar Ibáñez fixo un pregón centrado principalmente na música e nos valores do municipio e rematou a súa intervención coa interpretación dunha peza musical.
Finalmente, as actividades de rúa remataron co concerto do grupo A Tajea, xa presente na edición do pasado ano, e coa degustación popular gratuíta, na que se despacharon 250 racións de petote, chourizo e produtos de Entroido elaborados por tres coñecidas cociñeiras do municipio.
Tras estas actividades, a xente achegouse ata os nove restaurantes colaboradores para degustar un menú pechado de cocido de Entroido con petote, bebida e postre coa asistencia de máis de 500 persoas, que esgotaron por completo as prazas en seis dos establecementos participantes e que deixaron unha gran afluencia nos tres restantes. En total, a ocupación roldou o 85% das 600 prazas que ofrecían, globalmente, os locais de restauración, que foron os seguintes: A de Tucho
(Augasantas), A Raxadal (Carballedo), Casa Blanco (Rebordelo), Casa Inés (Carballedo), A Vosa Taberna (Borela), O Novo Chiringuito (Valongo), Espigueiro (Cerdedo), O Meu Lar (Cerdedo) e Restaurante Davi (Quireza).
Ao remate do xantar, Jorge Cubela valorou moi positivamente esta edición da festa “xa que malia as fortes choivas e o día desapacible conseguimos encher a Praza da Chan para as actividades de rúa e ademais houbo un gran ambiente e unha degustación cun petote exquisito” e engadíu que este ano “bateuse o récord absoluto de comensais do cocido de Entroido con petote, xa que contando os anos que se fixo a comida no pavillón e os do novo formato, tiñamos o tope en 450 asistentes, polo cal estamos máis que satisfeitos”.

Deja un comentario