+034 986 09 02 04 Venres 05 de Xuño de 2020
DEPUTACIÓN PONTEVEDRA

Rapaces e rapazas do CEIP de Santo André de Xeve aprenden xogando que é a compostaxe


O xogo da miñoca centrou as actividades das e dos escolares de 2º curso de Primaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación

Rapaces e rapazas das escolas de 2º de Primaria do CEIP de Santo André de Xeve aprenderon hoxe xogando en que consiste a compostaxe. Participaron, xunto co seu profesorado nunha xornada da man da Deputación e o Ceida (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) na que, cun discurso adaptado á súa idade, aprenderon a importancia de aproveitar os residuos orgánicos, convertelos en compost e coidar o medio ambiente.

Durante a mañá os monitores e monitoras xogaron coas crianzas ao xa moi coñecido e demandado ‘Xogo da miñoca’, que consiste nunha variación do xogo da oca na que as nenas e nenos, formando equipos, tiveron que pasar unha serie de probas e preguntas (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce a conversión do lixo en compost, ou que técnicas hai que aplicar para chegar a ter un bo compost). O alumnado tamén tivo que buscar solucións a elementos negativos para a compostaxe do lixo orgánico, como a achega de impropios ao composteiro ou esquecer pechar a tapa deste, casiñas que provocan que no xogo se atrasen postos ou se deixen xogadas sen tirar.

A intención destes obradoiros organizados grazas ao convenio entre Deputación e Ceida é concienciar tanto ao alumnado, aos profesores e profesoras e mesmo ás nais e pais dos centros de ensino Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

Ademais das actividades específicas destinadas aos escolares máis pequenos son moitos os centros de ensino que están a gozar doutras programacións específicas sobre compostaxe, como o ‘Xogo da miñoca’, e o obrradoiro ‘Quen vive aí?’, no que se lles ensina a identificar os invertebrados presentes nos composteiros e a súa importancia no proceso da compostaxe. Finalmente, o vindeiro día 30 de marzo realizarase unha visita a algún dos centros de compostaxe comunitario que a Deputación ten instalados no Concello de Pontevedra.

Deja un comentario