+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

Moraña incorpora ao CPI Santa Lucía ao Plan de Compostaxe Municipal coa entrega dun equipo comunitario


Luisa Piñeiro, acompañada de persoal municipal e técnicos, acudíu ata o colexio para colocar o composteiro e informar do seu funcionamento

O Concello de Moraña acaba de incorporar ao CPI Plurilingüe Santa Lucía ao Plan de Compostaxe Municipal, que arrancou a finais do ano 2018, coa dotación dun equipo comunitario para o tratamento dos residuos orgánicos que se produzan no centro, especialmente os procedentes do comedor escolar e das merendas dos cativos.
A alcaldesa, Luisa Piñeiro, acompañada de persoal municipal e de técnicos en compostaxe, acudíu ata o colexio, onde se procedeu a colocar a composteiro no patio traseiro e a dar unha pequena charla informativa sobre o seu funcionamento a decenas de alumnos.
Deste xeito, o Plan de Compostaxe Municipal segue avanzando e, tras 16 meses da súa posta en funcionamento, xa ten adheridas a oitenta familias do municipio, principalmente da zona rural e que se sumaron voluntariamente, e ao colexio, que conta cunha comunidade escolar de case 500 persoas. A intención do goberno local, que entrega os composteiros e a guía de uso de xeito gratuíto grazas á colaboración da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), pasa por seguir extendendo paseniñamente este plan, xa que cada vez hai máis interese entre a veciñanza.
A rexedora local valorou moi positivamente a incorporación do colexio de Santa Lucía, “xa que ademais de compostar os restos de lixo orgánico que se xeneran, serve principalmente para seguir concienciando aos nenos na necesidade de separar e reciclar os residuos para protexer o noso medio ambiente e esa labor é fundamental porque constrúe o noso futuro”.
Paralelamente, o Concello aproveitou esta xornada para achegar ata o centro terra do país para colaborar na conformación do horto que están a impulsar os estudantes de Educación Primaria e Secundaria e que se enmarca nas moitas iniciativas postas en marcha na zona de recreo do colexio ao abeiro do proxecto “Patios Dinámicos”.

Deja un comentario