+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O circuíto Transgalaica 2020 arranca o domingo en Carballedo con máis de 400 ciclistas participantes


A competición, que se abre por undécimo ano en Cerdedo-Cotobade, discorrerá por un esixente e precioso percorrido de 64 quilómetros
Carballedo reunirá o vindeiro domingo, 23 de febreiro, a máis de 400 ciclistas na proba inaugural do circuíto de probas de Bicicleta Todo Terreo (BTT) na modalidade de maratón Transgalaica 2020. Esta estimación de participación deuse a coñecer hoxe na presentación oficial da competición, que tivo lugar na Praza da Chan e que contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Bruno Portela; do presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; e de Javier Sánchez, en representación do Team Relay, que é o clube organizador da proba.
Deste xeito, a undécima edición do Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade volverá ser, como é tradicional, a carreira de apertura da Transgalaica 2020, que activa este ano a súa decimoquinta edición. Os ciclistas participantes proceden maioritariamente de Galicia, coa presenza de practicamente todo o pelotón, pero tamén doutros puntos de España, especialmente de Asturias e Castela e León.
A competición, que conta coa colaboración do Concello e da Federación Galega de Ciclismo, discorrerá por un esixente e precioso circuíto polas pistas de terra dos montes da contorna de Carballedo con case 64 quilómetros de lonxitude. A carreira arrancará ás 9.30 horas e salvará un desnivel acumulado duns 1.500 metros, sendo o mirador do Coirego, a 650 metros de altura, o punto máis elevado que terán que afrontar os ciclistas, que tamén percorrerán a emblemática empedrada romana xusto ao saír da localidade. A chegada estímase que se producirá, no caso do gañador, sobre as 12.00 horas ao centro de Carballedo e a entrega de premios está fixada para as 13.30 horas.
Haberá un total de seis competicións, xuvenil, elite-sub23, master 30, master 40, master 50 e master 60, nas categorías masculina e feminina.
Tras esta proba, a Transgalaica, que conta cunha decena de patrocinadores, continuará co seu desenvolvemento polo resto da comunidade coas carreiras calendadas en Ames (8 de marzo), A Estrada (22 de marzo) e Silleda (5 de abril)

Deja un comentario