+034 986 09 02 04 Mércores 12 de Agosto de 2020

Ponteareas adxudica o servizo de baleirado de fosas sépticas


O concello destina preto de 50.000€ de fondos propios para este servizo
O goberno BNG-PSOE leva a pleno a ordenanza para que este servizo comece a funcionar a finais de abril
O Acalde de Ponteareas, Xosé Represas, informa que vén de adxudicar o servizo municipal de baleirado de fosas sépticas por importe de 48.980,80 (ive incluído) que se financia con fondos propios e que permitirá aos case 8.000 veciños/as que carecen de saneamento contar con este servizo e que estas augas fecais sexan tratadas nunha estación depuradora.
Con este servizo pioneiro o goberno local BNG-PSOE levará ao pleno do vindeiro martes a aprobación da ordenanza creada para iniciar a prestación deste servizo. O Alcalde adianta que a finais de abril, unha vez que entre en vigor a normativa, estará xa a disposición dos fogares que carecen de saneamento municipal. Previamente o Concello informará á veciñanza do funcionamento do servizo e de como solicitalo.
Ademais de aproximar a equiparación de servizos, o goberno quixo tamén igualar o custe do gasto que supón para as familias. Deste xeito, os e as usuarias do servizo de baleirado de fosas sépticas pagarán 45,72€ por cada baleirado, exactamente o mesmo que a taxa anual dos fogares que dispoñen de saneamento municipal. Tendo en conta que o coste fixado pola empresa é de 244,90€ (ive incluído) por cada baleirado, o Concello financia cada servizo con case douscentos euros. Con esta iniciativa o goberno tamén poderá coñecer a demanda real para planificar a continuidade do mesmo nos vindeiros anos.
“Unha vez posto en marcha, este servizo evita a discriminación que existe na realidade na que miles de veciños e veciñas teñen que asumir o custe total de baleirado de fosas sépticas mentres os que teñen servizo de saneamento so pagan a cuota anual de mantemento. Agora cando un veciño/a baleire a súa fosa séptica pagará a mesmo que un que ten saneamento ”
Ademais, esta é tamén unha actuación responsable co medio ambiente ao garantir o tratamento das augas residuais dos pozos negros nunha planta depuradora.
O servizo de baleirado de fosas sépticas forma parte da planificación xa iniciada no mandato anterior, “por un lado contar cun plan director de saneamento para chegar a todas as casas e por outro lado, e mentres se executan as distintas fases que teñen un coste estimado superior a corenta millóns de euros, permite de forma temporal contar este servizo”.

Deja un comentario