+034 986 09 02 04 Domingo 09 de Agosto de 2020

A Xunta remata o mandato sen recibir á alcaldesa de Salceda


O equipo de goberno de Salceda, coa súa alcaldesa Loli Castiñeira á cabeza, ven de facer pública a situación que consideran discriminatoria por parte da Xunta de Galicia, que mantén sen contestación as múltiples citas pedidas dende o Concello con diferentes consellerías para tratar temas de importancia para Salceda, resposta que se presenta aínda máis difícil unha vez que se veñen de convocar eleccións autonómicas.
Así, por unha banda, o equipo de goberno ten pedido xa en tres ocasións xuntanza coa Conselleira de infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, para tratar sobre os enlaces da Gándara e a Lagoela co casco urbano, así como do saneamento das parroquias de Soutelo e Entenza, obras fundamentais para o Concello de Salceda, sen que ata o día de hoxe se teña nin tan sequera dado resposta ás solicitudes de xuntanza enviadas dende o mes de outubro.
Tampouco a Conselleira de educación, Carmen Pomar Tojo, ten a ben dar resposta ás solicitudes de reunión enviadas dende fai máis dun mes. O equipo de goberno optou por pedir as reunións directamente coa conselleira logo de que o xefe territorial, César Pérez Ares, tampouco dese resposta ás múltiples solicitudes de reunión enviadas ao longo da lexislatura pasada e tamén na lexislatura actual. Son moitos os temas relativos á área de educación que están sobre a mesa, sen que ata o de agora fose posible o seu tratamento ante a falla de resposta da conselleira: situación do CEP Altamira, necesidade de patio cuberto no CRA Raíña Aragonta, necesidade de ampliación e de implantación de bacharelato no IES Pedras Rubias, etc.
Dada a situación, o equipo de goberno (MS e PSOE) chega á conclusión de que a cor política está a influír neste silenzo por parte da Xunta de Galicia, pois cada día se están a publicar nos diferentes medios de comunicación multitude de xuntanzas entre a Xunta e os diferentes Concellos, sen que o Concello de Salceda de Caselas poida optar a algunha desas xuntanzas.
Verónica Tourón, tenenta de alcaldesa, lamentou a actitude da Xunta de Galicia, agardando que “a Xunta non se limite á xa habitual visita de campaña a Salceda sen tratar os problemas reais da veciñanza. O Goberno municipal de Salceda é o lexítimo representante dos e das salcedenses, e non recibir ó Goberno é o mesmo que non recibir á veciñanza”
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda: “non nos queda outra que facer pública esta situación que consideramos discriminatoria, agardando que deste xeito as conselleiras teñan a ben atender as nosas solicitudes. A veciñanza de Salceda é igual de importante que a dos demais municipios galegos, sexa cal sexa a súa cor política, e este goberno non vai deixar de loitar pola defensa dos seus intereses. O Presidente da Xunta ven de convocar eleccións autonómicas, o cal non pode ser excusa para deixar sen atender as múltiples citas solicitadas.”

Deja un comentario