+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

O concello de Soutomaior comeza os traballos de instalación do último tramo de saneamento no barrio da Montesiña


As novas canalizacións darán servizo ao pavillón municipal de deportes e ao campo do club de fútbol Soutomaior
O Concello de Soutomaior acaba de iniciar os traballos de instalación do último tramo da rede de saneamento público no barrio da Montesiña. A mellora conta cun orzamento de execución de 90.000 euros que serán financiados a través do Plan Concellos da Deputación e permitirán o tratamento dos residuos procedentes de dous grandes centros deportivos do municipio.
O alcalde de Soutomaior, Agustín reguera, visitou esta mañá a zona acompañado dos técnicos municipais para comprobar o correcto desenvolvemento dos traballos. “A rede de saneamento conleva un gran investimento que para os concellos pequenos é difícil asumir. A nós custounos uns anos, pero con este último tramo ao fin completamos toda a rede neste barrio”, destacou o alcalde.
Os traballos de mellora na rede de rede de sumidoiros consisten na instalación de case 700 metros de novas conducións e conexións. Ademais, para garantir o correcto funcionamento da rede de saneamento a pesar dos grandes desniveis do barrio da Montesiña, instalouse un pozo de bombeo equipado cunha electrobomba de gran potencia.
A instalación deste último tramo de rede de sumidoiros, destinada a dar servizo ao complexo deportivo da Montesiña e ao campo de fútbol Graciano Padin, onde xoga o CD Soutomaior, ademais de finalizar a rede de saneamento no barrio da Montesiña o Concello amplía o alcance da mesma en previsión de futuras necesidades.

Deja un comentario