+034 986 09 02 04 Xoves 04 de Xuño de 2020

A Xunta de Galicia manifesta o apoio de toda a sociedade galega á celebración en Pontevedra da décima edición dos Xogos Nacionais de Transplantados


O secretario xeral para o Deporte asegura que os Xogos Nacionais contan co obxectivo primordial de “fomentar a práctica do exercicio físico, o deporte de competición e os hábitos de vida saudable en todo o mundo, especialmente en persoas que recibisen órganos, medula, estean en tratamento de diálise ou en lista de espera co fin de mellorar a súa calidade de vida, un obxectivo que compartimos ao 100% desde a Xunta de Galicia”
O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, e a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López Garcia, manifestaron hoxe o apoio de toda a sociedade galega á celebración na cidade de Pontevedra da décima edición dos Xogos Nacionais de Transplantados, que promove a Asociación Deporte e Transplante España e que terán lugar entre os días 29 de abril e 2 de maio. Esta iniciativa deportiva congregará en Galicia a persoas transplantadas, familiares e amigos dos deportistas, así como a persoas que se atopan en situación de dialese e doantes vivos (persoas que teñen doado un órgano en vida a outra persoa).

O secretario xeral para o Deporte destacou a “xenerosidade, amabilidade e hospitalidade” de Galicia como así o demostra que en 2019 se batera por cuarto ano consecutivo o récord de peregrinos (347.578). Asemade destacou que tamén en 2019 “Galicia superaba outro récord de vital importancia ao bater a marca histórica en canto a número de doantes”.

Esta será a primeira vez que os Xogos Nacionais cheguen a Galicia tras o seu nacemento en 1990 e contan co obxectivo primordial de “fomentar a práctica do exercicio físico, o deporte de competición e os hábitos de vida saudable en todo o mundo, especialmente en persoas que recibisen órganos, medula, estean en tratamento de diálise ou en lista de espera co fin de mellorar a súa calidade de vida”. Un obxectivo, dixo o secretario xeral, “que compartimos ao 100% desde a Xunta de Galicia e que demostramos con todas as nosas accións implementadas desde o Plan Galicia Saudable que busca afastar as enfermidades provocadas polo sedentarismo e a inactividade física; o Programa Xogade que achega toda a oferta deportiva aos escolares de Galicia ou a través do deporte inclusivo desde o que fomentamos un deporte de todos e todas e para todos e todas”.

Os Xogos Nacionais estarán comprendidos de probas de atletismo (carreiras de 60, 100, 200, 400, 1.500 e 3.000 metros, marcha, substitucións 4×100, lanzamentos, saltos de altura e lonxitude), bádminton, ciclismo (30 km roteiro e 10 km crono), natación (25, 50, 100, 400 metros libres, substitucións 4×25, 50 metros braza, costas e bolboreta), pádel, tenis, tenis de mesa, petanca, dardos, birlos e tríatlon virtual (tempo acumulado en minimaratón 5 km, 30 km ciclismo roteiro e 400 m estilo libre natación). A carreira-marcha de 5 quilómetros e a competición individual de golf abriranse a toda a participación cidadá.

Hábitos saudables
Pola súa banda, a directora de ADOS manifestou a importancia que ten, para calquera persoa, a práctica de algunha actividade deportiva como un hábito de vida saudable pero, no caso das persoas transplantadas, resulta de vital importancia ao tempo que mellora tanto a saúde física como psíquica.

Así mesmo, lembrou que as taxas de doazón e transplante en Galicia teñen rexistrado unha excelente evolución nos últimos anos, culminando no pasado ano 2019 cos mellores resultados de actividade, xa que acadouse unha cifra récord de doantes (136) e igualouse o récord de intervencións cirúrxicas de transplante, obtido no ano 2018, con 354 transplantes. Ademais, salientou o feito de que a taxa de negativas familiares á doazón situouse nun 13,4%, por debaixo da media nacional, e que supón ter acadado un mínimo histórico que pon de manifesto o carácter solidario da cidadanía galega.

Formación e información
Deste xeito, Marisa López salientou o singular esforzo que desde ADOS estase a realizar nunha dobre vertente: por unha banda fomentar e divulgar entre a cidadanía a importancia deste xesto solidario, desenvolvendo campañas formativas específicas en todos os niveis educativos e mellorando o acceso informativo de toda a sociedade a prol da doazón, e por outra banda estase desenvolvendo un intenso traballo de formación altamente especializado dos profesionais sanitarios do sistema de saúde de Galicia.

Neste sentido, a directora de ADOS lembrou que ao longo do pasado ano, o programa de formación especializado en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de dous seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón e seis cursos sobre proceso de doazón e transplantes, nos que se ofrece unha formación altamente especializada a 137 profesionais sanitarios.

Salientar, ademais, o curso sobre Comunicación na Urxencias no que participaron 20 profesionais do eido de Urxencias e Emerxencia, así como o segundo curso de doazón e transplantes para MIR de primeiro ano en todos os hospitais galegos e no que tomaron parte máis de 200 profesionais.

Programa educativo
Por outra banda, a directora de ADOS, salientou que a Axencia realizou 76 charlas a escolares no curso académico 2018-2019 para fomentar a doazón e nas que tomaron parte un total de 3.859 escolares. Así mesmo, desenvolveuse o Plan Proxecta: Educando en Valores, que abrangueu a 355 escolares e 24 docentes. A este programa engádense as visitas guiadas ata as instalacións de ADOS nas que tomaron parte 19 centros de ensino secundario e universitario e no que participaron 522 estudantes.

Ademais, convocouse, no pasado curso escolar, o VI Concurso Universitario de Curtametraxes sobre doazón e transplante de medula ósea, e o VI Concurso de Debuxo e Lermas relacionado coa Doazón e os Transplantes para estudantes de 1º e 2º de ESO.

Marisa López concluíu convidando a todos os cidadáns a presenciar esta décima edición dos Xogos Nacionais de Transplantados que permiten por de manifesto un recoñecemento público aos doadores e ás súas familias, pola valentía, a fortaleza e a xenerosidade que amosan neses momentos difíciles, posibilitando o xeneroso xesto da doazón de órganos que ten permitido a realización en Galicia desde o ano 1981, de máis de 8.300 transplantes.

Deja un comentario